Ruben Pérez, coordinador local de Esquerda Unida de Vigo e voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo, será o novo responsable de Política Municipal na dirección de IU encabezada por Alberto Garzón escollida este fin de semana en Madrid.
Vigo, – 28-03-2021. Os pasados venres e sábado 26 e 27 de marzo, celebrouse en Madrid a última fase da XII Asamblea Federal de Izquierda Unida, culminando o proceso no que participou toda a militancia da organización a través de diferentes xuntanzas nos territorios e procedementos de voto telemático (750 xuntanzas nas que se debatiron máis de 2300 emendas) .
Co 90% das delegadas e delegados conectados de xeito telemático, dun total de 590, esta fin de semana debatíronse e aprobáronse as liñas políticas que seguirá Izquierda Unida nos próximos catro anos, onde cobra especial relevancia o vindeiro proceso de eleccións municipais no ano 2023. “O obxectivo está marcado no reto político das vindeiras eleccións municipais no que é preciso continuar a construír, consolidar e ampliar os espazos municipalistas no conxunto do Estado” sinala Rubén Pérez.
Na liña do demandado dende a oposición na Corporación viguesa durante a pasada e esta lexislatura, agora tamén dende a dirección federal de IU, Rubén Pérez continuará traballando na defensa da autosuficiencia financeira dos concellos e o uso racional dos seus recursos para avanzar no municipalismo, “poñendo como meta para esta lexislatura impulsar un novo sistema de financiamento local que supere o marco da Lei 27/2013 de racionalización e sustentabilidade da Administración Local “.
Unha das tarefas urxentes que afrontan os Concellos na actualidade é a súa participación directa como beneficiarios do Fondo de Recuperación recentemente aprobado na UE, feito que se recoñece tamén na proposta da Xunta de Goberno da FEMP. “As administracións locais son as grandes esquecidas no organigrama económico das administracións públicas , mais son as que asumiron de xeito máis decidido os primeiros gastos de loita contra a covid, asumindo en moitos casos competencias que non eran propias fronte á inacción doutras administracións “ engade Rubén Pérez.
Con preto de 2.000 representantes municipais ao longo do Estado, “o municipalismo é, históricamente, a base do traballo político de IU , a formulación na que miles de militantes de IU medramos e na que aprendimos os valores que fan da nosa organización un referente de traballo e compromiso nos concellos” conclúe Rubén Pérez.