A coalición entende que a resposta administrativa da Xunta negando a financiación do mesmo e a resposta da Concelleira Caride na xerencia de urbanismo de que nese caso a financiación será a cargo do Concello ou outras administracións, obriga necesariamente a un modificatorio do informe económico do PXOM, porque son 83 millóns de euros que se contaban como seguros da administración autonómica.
12/04/2023
O voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo e cabeza de lista da coalición de Podemos e Marea de Vigo á alcaldía de Vigo sigue considerando evidente que a negativa da Xunta a financiar o chamado Vial de Beade é incompatible co feito de que o propio texto do planeamento diga textualmente que “A administración Autonómica está presente no financiamento da actuación da vía de Alta Capacidade PO-010, Rolda de Vigo no Plan MOVE, da súa titularidade, timidamente iniciada cos seus 630 metros entre a VG-20 e o inmediato Polígono Industrial de Balaídos, urxida na súa necesidade pola precariedade de acceso a emprazamentos supramunicipais estratéxicos como o Parque Tecnolóxico e Loxístico, o Hospital Álvaro Cunqueiro ou o propio Campus Universitario, e agora definitivamente requirida pola ampliación do Polígono de Balaídos e das instalacións de PSA”.
Que a Xunta xa de inicio nos seus informes sectoriais o considere como “non supramunicipal” xa anula este criterio, pero é que ademáis este vial foi incluído no PXOM sen ter pactado mediante convenio ou documento de intencións a financiación e desenvolvemento do mesmo.
Rubén Pérez lembrou que a Lei do Solo de Galicia, no seu artigo art. 59.2, salienta que o planeamento debe ser claro avaliando o custo da execución dos sistemas xerais e das actuacións e investimentos previstos, establecendo o carácter público ou privado dos mesmos en canto a financiación e sobre todo xustificar as previsións que cumpra realizar con recursos propios do Concello: “Neste caso os 83 millóns de euros son un imprevisto se finalmente se financian con cargo aos recursos propios como indicou a Concelleira de Urbanismo, María Xosé Caride na última sesión do Consello de Urbanismo” sinala Rubén Pérez.
Despois de reunirse con veciñas e veciños da Plataforma de Afectados pola proposta de ampliación da PO-010, Rubén Pérez, sinalou que a coalición comprométese a erradicación desta infraestrutura, mesmo se iso implica a paralización e reconsideración do actual texto do PXOM, porque os proxectos de vida de veciños e veciñas das parroquias afectadas, está por enriba dos intereses urbanísticos privados. A coalición considera que é sorprendente que no PXOM se configure unha infraestrutura que terá un elevado impacto ambiental, económico e cun desenvolvemento construtivo superior aos 15 anos, e que a Xunta de Galicia, administración responsable da súa financiación segundo o PXOM, non se amosara contraria ao mesmo ou á súa financiación cando o Concello remitiu o os documentos iniciais do PXOM para ser sometidos a Avaliación Ambiental Estratéxica.