Rearmamento e recortes: a paz que non é para nós

Hoxe 21 de Setembro día Internacional da Paz, dende Esquerda Unida Vigo queremos manifestar claramente que a paz que nos venden e a seguridade que nos prometen son unha farsa cruel. Son discursos baleiros que agochan o saqueo, a especulación, o xenocidio e a guerra entre os pobos de todo o mundo. Négannos dereitos entrementres falan de defendernos. Recórtannos servizos, militarízannos a vida, vixíannos,  empobrécennos…todo en nome dunha “seguridade ” que non é para nós.

A ilusión da seguridade: quen se beneficia da guerra?

Non é a nosa seguridade, é a súa. A das élites, os lobbis armamentísticos, os gobernos autoritarios e os intereses xeo estratéxicos da potencias e o gran Capital.

Esa falsa paz que invocan en cumes internacionais ou comunicados oficiais é unha paz feita sobre as ruínas doutras, sobre os corpos doutras, sobre a vida negada a pobos enteiros. É unha paz colonial, patriarcal e racista. Unha paz imposta pola forza das armas, polo control dos recurso, para silenciar as voces incómodas.

O xenocidio perpetrado polo Estado de Israel contra o pobo Palestino non pode ser branqueado baixo o disfrace de seguridade nacional ou dereito a autodefensa. Chamemos as cousas polo seu nome, é limpeza étnica, é exterminio, é barbarie, é complicidade internacional.

Recortes, militarización e desigualdade: a verdadeira cara da paz

Entrementres, Europa reármase. Gobernos “progresistas” aproban  orzamentos de Guerra. A OTAN reforza a súa maquinaria, buscando novos inimigos, porque hai anos que caeu a Unión Soviética, razón da súa creación. Prepárannos para un novo conflito, un novo inimigo para poder seguir enchendo os petos cos beneficios astronómicos das corporacións armamentísticas, a maioría estadounidenses, falándonos de estabilidade.

Pero a paz para Izquierda Unida non se constrúe con tanques nin con drons. A paz non se firma con contratos millonarios para a industria de defensa. A paz, constrúese con dereitos, con igualdade, con xustiza, con feminismo, con solidariedade entre os pobos. Cada euro en armas é un euro roubado á sanidade, á educación, ao coidado, á dependencia, ao futuro.

Construír unha paz xusta: dereitos, igualdade e solidariedade por diante das armas

Por esta razón, Izquierda Unida negouse dende o principio a que o goberno de España adicase un 5% do PiB a gasto armamentístico que suporía arrebatar 80.000 millóns de euros do servizos públicos e garantías sociais, e suporía axustes paulatinos en sanidade, educación, tamén subida do IVE, axuste das pensións coa posible eliminación das pagas extras de xuño e nadal. E estes recortes non os pagarían os banqueiros, nin os fondos voitre, nin os terratenentes nin os grandes capitais, nin as oligarquías. Pagariámolos a clase traballadora e os sectores máis vulnerables da sociedade.

Non aceptamos nin o 5% nin o 4 % nin o 2 % actual porque é imprescindible evitar a deriva armamentística á que nos está a empurrar a OTAN, a Comisión Europea e, en definitiva, os señores da guerra.

Esta deriva armamentística, o belicismo rampante e o militarismo son, nin mais nin menos que a antesala de novas guerras onde loitarán e morrerán os fillos e fillas da clase traballadora, da xente do común, os mesmos de sempre.

É por isto necesario que eses orzamentos para a guerra non se destinen a mercar armas ou estrutura bélica, senón para investimentos que garantan fogares dignos, blindar pensións públicas, impulsar a renda universal de crianza que erradique a pobreza infantil no noso pais e multiplicar a cobertura de axuda á dependencia, por poñer algúns exemplos.

Dende Esquerda Unida Vigo dicimos basta!

Rexeitamos a guerra que se agocha tras un disfrace de seguridade. Denunciamos o rearmamento como un proxecto político de morte e defendemos unha paz xusta, desmilitarizada, feminista e profundamente transformadora.

Temos que facer valer o sentido común que supoñen as políticas de rearmamento, propiciando unha Europa unida non imperialista e de seguridade compartida, que deixe de manter exércitos enormes coa escusa de ser o faro do progreso.

Temos que construír unha Europa de pobos solidarios entre nós e o resto do mundo, pois os nosos inimigos non son a clase traballadora doutros pobos e países. O noso inimigo é común: As corporacións armamentísticas , as oligarquías , o gran capital que nos empurran á guerra polos seus beneficios.

Relacionados