PROPOSTAS DA MAREA DE VIGO DE ÁMBITO MUNICIPAL PARA O COMERCIO LOCAL, HOSTALERÍA E AUTÓNOMOS DE VIGO

PROPOSTAS DE ÁMBITO MUNICIPAL PARA O COMERCIO LOCAL DE VIGO

  1. IMPOSTOS, BONIFICACIÓNS E EXENCIÓNS

Concordamos na decisión de aprazamento dos impostos a cobro durante o periodo de crise pero o seu aprazamento en varios meses pode significar unha acumulación de pagos no pequeno comercio, hostalería e sector servizos que tería un impacto negativo no arranque económico post estado de alarma.

Por iso consideramos necesario que se produza tanto un aprazamento dos mesmos como unha condonación dos tributos municipais que a lexislación permita. Se ben o Real Decreto 463/2020 xa suspende os prazos administrativos e de prescripción e caducidade das taxas e impostos municipais, e polo tanto é aprazable sen recargos nin intereses, o que propoñemos son as seguintes medidas complementarias:

  • Exención do prezo público de recollida de lixo durante o periódo de estado de alarma (prorrogable no caso de profunda desaceleración da actividade comercial despois do período de alarma e ate decembro de 2020). Non se pasaría recibo pola recollida de Residuos Comerciais e Residuos Industriais no comercio, hostalería, e pequenos autónomos e empresas que facturen por debaixo do millón de euros (exactamente as exentas do pago do IAE). Ao pasarse este recibo en setembro de 2020 pode aínda ser descontada a cuantía da exención con tempo suficiente para xestionalo. Se ben é certo que actualmente cos ingresos estimados de 17.350.000€ para este exercicio   cúbrese o 100% do canon unitario de tratamento que aplicaría Sogama (8.162.632,45€) pero solo o 61,05% dos custes de recollida e transporte (15.048.205,03€) tamén o é que a paralización económica destes meses vai xerar unha evidente diminución do volume dos resíduos e polo tanto SOGAMA aplicará unha redución do cánon que ademais ten que repercutir na diminución do recibo das persoas usuarias, tal e como a propia entidade comunicou por carta a este concello e que está previsto en 372.339,30€ menos que pagará o Concello neste 2020.
  • Devolución íntregra da taxa de ocupación da vía pública con mesas, cadeiras e veladores (terrazas) ante a imposibilidade real e constatada de ocupar tal espazo durante os meses de prolongación do estado de alarma. (No caso de terse cobrado será abonada a parte proporcional e nas taxas á emitir será xa descontado na autoliquidación que se presente).
  • Adaptación ao consumo real do recibo da auga dende o mes de marzo ate decembro de 2020. Tarificación urxente do recibo da auga e saneamento en base ao consumo real dende marzo ate decembro de 2020, evitando a tarificación actual de 15 metros cúbicos mensuais de xeito excepcional. Sendo conscientes que figura no contrato actual coa empresa concesionaria Aqualia entendemos que esta proposta debería tamén ser unha axuda que a concesionaria facilitara a unha cidade que leva 25 anos asumindo unha tarificación delirante que só beneficiou aos sucesivos grupos empresariais asimilados que se fixeron co servizo coa privatización do mesmo nos anos 90.
  1. AXUDAS DIRECTAS MUNICIPAIS REORIENTACIÓN ORZAMENTARIA 2020

A falla dunha maior concreción de como se van artellar as modificación nas limitacións impostas ás corporacións locais polo teito de gasto para poder implementar políticas de impulso de gasto e análogamente políticas públicas para protexer á sociedade como consecuencia desta crise, o certo é que numerosos concellos xa están habilitando liñas de axudas directas ao pequeno comercio, ao sector servizos e ao pequeno tecido empresarial. Medidas que supoñen obviamente un esforzo das arcas municipais non previsto pero que necesariamente terá, e o anunciado vai efectivamente por esa senda, unha resposta lexislativa do Goberno para permitir aos concellos usos diferentes dos considerados “financeiramente sostibles” do superávit de 2019 así como necesarias, e sempre reclamadas non só nesta crise, transferencias e maior financiación ás entidades locais.

Consideramos que o Goberno de España, no marco da Lei Orgánica de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira ou da súa derogación, que debería ser un obxectivo a cumprir, debe flexibilizar a regra de gasto para todas as entidades locais con superávit, con independencia de que cumpran ou non os requisitos establecidos na Disposición Adicional Sexta da mencionada Lei Orgánica.

Bastaría únicamente coa modificación das instrucións que nesta materia adoptou no seu día a Secretaría de Financiamento Autonómico e Local dependente do Ministerio de Facenda. Na práctica supón que os concellos poderían mobilizar ata 24.000 millóns de euros que teñen paralizados nas súas contas bancarias polas limitacións impostas pola Lei.

Deste xeito poderíase destinar o superávit a calquera tipo de actuación, tanto para sufragar de xeito inmediato os gastos extraordinarios que concellos como Vigo están a soportar, derivados da situación actual de Estado de Alarma declarada polo Goberno: servizos sociais, seguridade cidadá, limpeza e desinfección, etc… como para financiar gasto corrente, no que enmarcamos esta proposta de axudas directas ao comercio local, ao pequeno tecido empresarial e á hostelería da cidade.

Considerando que o RD do 17 de marzo xa autoriza un incremento do uso do superávit polos Concellos para atención social (300 millóns) xa que establece que as corporacións locais dispoñen dunha cantidade de igual contía do superávit do exercicio 2019 para financiar as axudas económicas e todas as prestacións de servizos xestionadas polos servizos sociais de atención primaria e atención á dependencia que veñen recollidas no Acordo do Consello Territorial de Servizos Sociais e do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, do 16 de xaneiro de 2013, que recolle o Catálogo de Referencia de Servizos Sociais, libéranse recursos que poden ser utilizados en axudas aos sectores de comercio, hostelaría, pequenas empresas e autónomos.

Vigo actualmente é unha cidade onde o gasto orzamentario orientado ao comercio local é moi escaso. Na propia memoria do Orzamento 2020 nos investimentos iniciais figuran consignadas cantidades moi escasas, polo que, se ben é certo que hai plans de emprego orientados ao sector do comercio (por exemplo o programa de emprego con dotación para emprendedores e PEMES que é coofinancia con fondos DUSI de 400.000 euros e programas que poderían identificarse con medidas para o pequeno comercio local), o realmente constatable que as partidas directas de inversións é escasa:

resumo-investimentos-2020

Fonte: Memoria Orzamento Concello de Vigo 2020

Nesta situación consideramos que esa partida ten que incrementarse notablemente para poder artellar políticas de subvención directa ao comercio e hostelaría para que poidan afrontar o reinicio da actividade con capacidade de manter o emprego, e volver a ser un sector decisivo na economía da cidade, xa que, se ben no que se refire a aportación á masa salarial da cidade segue a ser un sector con moitas potencialidades de crecemento, a nivel porcentual do emprego estamos a falar do 45% do emprego local. Un dato nada menor.

Se tomamos como referencia a análise que a propia memoria orzamentaria para 2020 realiza segundo a área funcional de gasto, os datos son máis ilustrativos porque dos 267.723.072,38 millóns de euros do orzamento para 2020, 6.185.986 é o que se adica a Comercio e Turismo, e dicir, o 2,3% do orzamento. Partida que ademais inclúe as subvencións ás liñas aéreas e a campaña de nadal polo que orzamento con destino finalista ao pequeno comercio queda completamente minguado.

analise-funcional

Fonte: Memoria Orzamento Concello de Vigo 2020

Polo tanto propoñemos reorientar recursos orzamentarios de xeito inmediato para habilitar xa 5 millóns de euros do Orzamento do 2020 e, en canto as modificacións lexislativas o permitan, outros 5 millóns de euros procedentes do superávit do 2019 (é decir 10 millóns de euros) para axudas directas ao pequeno comercio de Vigo, a hostalería e sector hoteleiro local, as pequenas empresas, cooperativas de emprego e proxectos emprendedores da cidade. Os 5 primeiros millóns de euros consideramos poden obterse das seguintes partidas orzamentarias que non están executadas aínda e non teñen contrato asignado:

PARTIDA (cantidade orzamentada total en 2020)IMPORTE PARA MODIFICACIÓN DE CRÉDITO
PROMOCIÓN TURÍSTICA DESTINOS RUTAS AÉREAS (2.855.200)2.855.200
FESTAS DE VIGO (1.900.000)900.000
INSTALACIÓN E MANTEMENTO DO ALUMEADO DE NADAL (930.057)*400.000
PROGRAMA DE DECORACIÓN Y ANIMACIÓN NADAL (515.000)*300.000
Investimento mellora Balaídos (3.800.000)**544.800
total5.000.000

* estas dúas partidas orzamentadas de xeito semellante en 2019 acabaron sendo finalmente partidas executadas por un importe de 908.216 e 725.141 euros respectivamente. Polo tanto vemos que hai marxe de asignar recursos ao longo do que queda de exercicio 2020 e entendemos que aínda que se formula como un fomento do comercio local o urxente agora é axudas para transitar ate decembro, no que se implemente a campaña de nadal.

** nin está licitada nin polo tanto asignadao investimanto, que sabemos necesario, no estadio de Balaídos, pero en todo caso consideramos que pode perfectamente neste 2020 retraerse parte da partida de inversións.

TIPOLOXÍA DAS AXUDAS FINALISTAS PROPOSTAS:

As axudas que propoñemos van na líña que concellos como Barcelona, Valencia, Lugo etc.. están habilitando para os autónomos e pequeño comercio e que simplifican os procedementos ante a urxencia da situación xerada polo COVID19 e o brutal impacto que vai ter na economía local. Obviamente terán que estar circunscritas a actuacións e coberturas concretas:

  1. Pago alugueiro locais comerciais, naves, etc
  2. Cobertura de gastos común como: seguros, electricidade, auga, teléfono e internet,
  3. Mantemento e mesmo creación de emprego no sector
  4. Implantación de melloras comerciais (tecnolóxicas, plataformas venta comercio local, etc….)
  5. Sempre complementarias ás que habiliten outras administracións.

FORMATO DAS MESMAS:

  1. Realización en colaboración coa guía ARDÁN da Zona Franca dun censo real dos autónomos en Vigo (en 2019 tíñamos 18.358 traballadores por conta propia) que sosteñen un negocio con persoas empregadas. Hai moitos “falsos autónomos” que por desgraza empregan empresas para disfrazar a realidade de centos de traballadores que tiñan que estar por conta allea nelas e resulta fundamental ter este elemento en conta. Comerciais, profesionais, etc.. que non computarían a estas axudas municipais de xeito prioritario ao ter que depender dunha empresa. É decir, priorizaríase o comercio, hostelería e todas aquelas actividades que teñan contratado persoal.
  2. Unha vez feito propoñemos unha axuda directa de 1.000 euros a autónomos/as con empresas que tiveron que pechar polas sucesivas actuacións gubernativas dende a declaración do estado de alarma e cunha facturación derivada menor do 50%. De existir crédito ampliaríase a autónomos/as e profesionais sen negocio físico nen empregados/as.
  3. De non terse acollido a ERTES, axudas de 300 € de axuda por empregado e no caso de ter suscrito un ERTE, axudas condicionadas a que o persoal adscrito reciba o 100% da base reguladadora como complemento do 70% do que o/a traballador/a reciba como prestación durante a suspensión de contrato.
  4. Ao non poder acollerse á prestación extraordinaria por cese de actividade regulada polo artigo 17 do Real Decreto 8/2020, aqueles autónomos que reciben algún tipo de prestación por fillos/as ao cargo con algún grado de dependencia (por exemplo as/os que teñen fillos/as menores de 18 anos cunha dependencia de ate o 33% cobran unha prestación de 83 euros ao mes, 1000 euros ano ano e quedan fóra das mesmas) propoñemos unha axuda municipal extraordinaria de 1000 euros mes durante o tempo de permanencia do estado de alarma.
  1. ACTUACIÓNS INSTITUCIONAIS PARA O FOMENTO DA COMPRA LOCAL E O RELANZAMENTO DO COMERCIO LOCAL

Neste aspecto consideramos esencial que a partir de agora se estableza unha política ambiciosa de fomento da compra no comercio local, de sensibilización contra o impacto que plataformas de compra online están tendo no emprego e polo tanto no futuro económico da cidade. Estas políticas, que teñen que existir sempre, teñamos ou non unha crise destas características, ten que se reflectir tanto na asignación de partida orzamentaria no actual e sucesivos orzamentos do Concello de Vigo como na execución real dos mesmos. Nos últimos anos son as propias asociacións de comerciantes e hostaleiros, as asociacións patronais de pequenos empresarios as que están realizando de xeito particular estas iniciativas, se ben con axudas institucionais para facelo.

O que propoñemos aquí son actuacións municipais directas e planificadas como reforzo efectivo e fomento da actividade económica local e de proximidade. Poden ser variadas pero teñen que ter conxuntamente estes obxectivos:

  • Impulsar o comercio de proximidade nos barrios alentando a súa innovación, mellora e capacidade, así como o vínculo co territorio.
  • Fomentar un consumo sostible social e ambiental.
  • Apoiar o asociacionismo e a xeración de redes que posibiliten a coordinación e as sinerxias para satisfacer necesidades relacionadas.
  • Eliminar as profundas diferencias comerciais entre barrios e minimizar o impacto das grandes áreas comerciais nos mesmos.

Polo tanto, propoñemos:

1.- Impulso ao comercio de proximidade e medidas relacionadas coa organización, fidelización e mellora do comercio local que responda as necesidades do pequeno comercio. Concreción de campañas de sensibilización e comunicación que poñan en valor as vantaxes do pequeno comercio: trato, calidade, localización, horarios, etc. Se algo amosou esta crise foi a necesidade dun trato humano e directo, da necisade das “tendas de toda a vida” que coñecen ao veciño e veciña e mesmo establecen mecanismos de solidariedade (fiar compras, axuda alimentaria…). Con este tipo de campañas se pretende visibilizar este “trato humano” e que a oferta do comercio na contorna conecta aos veciños e veciñas co comercio de proximidade e posibilitan poñer en valor a súa oferta.

2.- Realización dunha campaña anual de sensibilización e promoción do comercio de proximidade, eventos concretos como “noites brancas”, premios do comercio local, xornadas de portas abertas “coñece o comercio do teu barrio”.

3.- Accións de fidelización do comercio local. Posibilidade de empregar a PASSVIGO como tarxeta de fidelización no comercio e hostalería local.  Axudar dende o Concello a manter no tempo estratexias de fidelización; fidelización que valore non só a relación puntual negocio-cliente senón o construír unha vinculación que faga ter ao comercio de proximidade como referente para a compra de produtos ou servizos de todas as familias viguesas. Incluso a creación dunha “moeda local comercial” que xa funciona de xeito eficaz en moitas cidades do estado.

4.- Potenciación dende o Concello de do uso das TIC´s como instrumento de axuda ao desenvolvemento do comercio de proximidade, tanto na xestión como na difusión. Poden facilitar de xeito interesante que pequenos negocios que non teñen web, nin usan as redes sociais poidan ter unha vantaxe fronte a plataformas online ou grandes centros comerciais poñendo en valor a proximidade e o servizo postventa inmediato

5.- Desenvolvemento dunha web :“ Made in Vigo” que poña en valor o activo comercial, hosteleiro, cultural e comercial da nosa cidade, con estreita vinculación ao Turismo pero tamén ao consumidor interno da cidade.

6.- Establecemento con axuda do concello de puntos de recollida de compra en liña procedente do pequeno comercio da cidade, tanto en punto físico como en envíos a domicilio no ámbito local.

7.- Formación para o comercio local que teña como base os plans de emprego municipais (teñen que servir tamén para formar a máis e mellores traballadores do comercio, hostalería, servizos, etc…)

8.- Fomento da OMIC municipal como arbitraxe para políticas públicas de apoio ao comercio de proximidade, programas de dereitos e deberes de consumidores/as

9.- Potenciar o Comercio local como elemento ACCESIBLE para persoas dependentes, comercio amable coas persoas maiores, e polo tanto creación dunha liña de subvencións municipais para adaptar os comercios a necesidades de mobilidade reducida con posible financiación dos fondos DUSI europeos.

En Vigo, a 7 de abril do 2020.

Asdo: Rubén Pérez Correa                                     Asdo: Oriana Méndez Fuentes

Voceiro do Grupo municipal mixto.                           Concelleira do Grupo municipal mixto

Relacionados