O Grupo municipal da Marea de Vigo, vistas os últimos movementos arredor do proxecto de Porto Cabral, considera inaceptables os argumentos que grupo inversor, directiva da comunidade de montes e unha asociación de comerciantes pretenden utilizar para resucitar o proxecto.
En canto aos aspectos legais utilizados para defender o desenvolvemento de Porto Cabral, a Marea de Vigo considera que, por unha banda, a mencionada lei 3/2016 non permite determinadas actuacións como recalificacións de solo, neste caso, a conversión dun solo rústico á urbano consolidado para un uso comercial. Pola outra, a vía da supramunicipalidade non se pode tomar, posto que non estamos falando dun centro de interese público e utilidade social, como podería ser unha universidade ou mesmo un hospital, senón dun centro comercial e de ocio, polo tanto, segundo Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, “se isto acontecese, habería que denuncialo inmediatamente na fiscalía”.
A única opción posible é na redacción dun novo plan, plan que por outra parte, debe estar sometido a unha avaliación ambiental estratéxica, na que Porto Cabral non tería cabida.
De feito non ten cabida nin desde o punto de vista ambiental, nin económico nin coherente coas necesidades que pode ter Vigo. Exemplo disto aconteceu en cidades como Zaragoza, con Porto Venecia (proxecto irmán de Porto Cabral) onde a Cámara de Comercio xa recoñeceu que se destruíron máis de 1000 postos de traballo no comercio local de proximidade da cidade, cuestión que parece obviar o presidente da asociación de comerciantes e hostaleiros da Zona Náutico, cando asina un convenio coa empresa promotora de Porto Cabral, que, a todas luces, prexudica ao comercio local, promovendo supostamente o desprazamento dos visitantes entre a zona náutico e Cabral, dito noutras palabras: privando ao resto do comercio da cidade (onde existen mais dunha vintena de asociacións de comerciantes consolidadas) das visitas de potenciais clientes.
O Grupo Municipal da Marea de Vigo tamén cuestiona as afirmacións que parece facer a entidade inversora sobre os terreos. Cando afirma que ten un acordo cos propietarios, debería especificar a quen se refire, posto que se trata dunha comunidade de montes cuxa asemblea xa votou “non” á venda dos terreos; Quizais entón se estea referindo unicamente á Directiva de dita Comunidade de Montes, que nunca cesou no seu intento por vender o monte para este proxecto.