PODEMOS-MAREA DE VIGO CONSIDERA ESENCIAL RECUPERAR NESTA CAMPAÑA ELECTORAL O DEBATE SOBRE OS SERVIZOS PÚBLICOS QUE PODE AFRONTAR UNHA FUTURA ÁREA METROPOLITANA

A coalición de Podemos-Marea de Vigo lembra que Abel Caballero sinalou no inicio da actual lexislatura a recuperación do debate e traballo para ter un área metropolitana configurada pero nin PP nin PSOE deron pasos para un consenso sobre como configurar este instrumento.

02/05/2023

Rubén Pérez: “Vigo é xeograficamente a área metropolitana máis poboada do Estado que non ten configurado legalmente o instrumento xurídico e que permitiría, entre outras cousas, o artellamento dun tren de proximidade, unha empresa pública de vivenda como opera xa en Barcelona ou mesmo un sistema propio de xestión de residuos”.

Podemos-Marea de Vigo anunciaron hoxe que incorporarán ao seu programa unha proposta política e xurídica que permita desbloquear un modelo de xestión metropolitano de servizos públicos. A coalición considera que actualmente é un instrumento urxente xa que temos enriba a posibilidade de captación de fondos europeos e de mancomunar servizos públicos que agora están externalizados en empresas privadas e de xeito individual por cada concello.

Rubén Pérez, candidato da coalición de esquerda, considera que “A frustrada constitución da Área Metropolitana de Vigo deixou sen un mecanismo propio para organizar servizos públicos supramunicipais e sen un espazo de diálogo entre concellos limítrofes, nun contexto especialmente importante coa chegada de numerosas liñas de fondos europeos de todo tipo”

Do mesmo xeito actualmente, a Mancomunidade vive nun “limbo” entre a vontade declarada polo presidente do ente, Abel Caballero, que defende a disolución da entidade ate a súa desaparición no momento de constitución da futura área metropolitana, e a existencia de determinados servizos que sigue ofertando: asesoramento a empresas, plans de garantía xuvenil, plans de emprego de persoas perceptoras de RISGA, etc.… servizos que, a xuízo da coalición de Podemos e Marea de Vigo, “poden ser complementados con verdadeiras actuacións supramunipais, xestión de servizos públicos mancomunados e mesmo contar coa posibilidade de ser un organismo que capte fondos europeos que exceden de dimensións locais e quedan demasiado amplos para ámbitos provinciais ou autonómicos” matiza o voceiro.

Podemos e Marea de Vigo seguen considerando que mesmo constituíndose a área metropolitana, “é necesario abrir o debate do órgano mancomunado de municipios xa que este podería chegar a ser unha útil ferramenta á hora da planificación de servizos públicos compartidos entre os concellos pertencentes á mesma como así o é a Mancomunidade de Municipios de Barcelona dentro do ente metropolitano”. Para a coalición, son necesarios consensos entorno á xestión mancomunada de servizos públicos, cara a artellar o traballo de reconstrución dos consensos da Área Metropolitana de Vigo, polo que insta ao ás forzas políticas que concorran ao proceso electoral a que se definan claramente con respecto a un mecanismo de xestión que que regula a vida de máis de 30 millóns de europeos e europeas que viven en áreas metropolitanas constituídas e con xestión directa de múltiples servizos.

Relacionados