O GRUPO MUNICIPAL DA MAREA DE VIGO VAI PROPOÑER QUE PARA OS ORZAMENTOS DO 2017 O CONCELLO DE VIGO TAMÉN LEVE A CABO FERRAMENTAS DE ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS O IGUAL QUE OUTROS GRANDES CONCELLOS QUE QUEREN INNOVAR EN POLÍTICA ORZAMENTARIA.

Concello_de_VigoVistas as liñas xerais xa presentadas para o orzamento municipal do 2017, continuístas en cuestións de inversión e gasto, e mais aló das limitacións da lei Montoro e medidas como o teito de gasto, orientadas a priorizar o pago da débeda e supoñendo así a imposibilidade de empregar os orzamentos do 2017 como un instrumento para consolidar gastos sociais, a Marea de Vigo propón innovar con ferramentas participativas.

Marea de Vigo considera que un Concello como Vigo ten que seguir a estela doutros concellos que, con independencia da cor política, están xa traballando en orzamentos participativos. Non é a primeira vez que o Grupo Municipal da Marea de Vigo fai propostas sobre tomar este tipo de medidas en materia orzamentaria, normalmente contestadas con afirmacións tales como que “os orzamentos están consensuados co tecido asociativo porque nos reunimos cos presidentes e lles contamos o que imos facer”, feito que dista moito de parecerse á participación real, mais aínda no caso de Vigo, onde as relacións coas asociacións funcionan ó arbítreo do goberno municipal e do momento.

Segundo Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal, “Hai ferramentas para poñer a andar e facer partícipes do gasto público a veciñanza, de xeito que calquera veciño ou veciña, estea ou non nunha asociación ou organizado no seu barrio, poida participar” . A proposta seguiría un proceso, que comeza coa aprobación en Pleno dun regulamento, e posteriormente a aprobación dunha metodoloxía, onde, por exemplo, se realicen as asembleas explicativas e de recollida, onde a veciñanza poida propoñer onde considera se deba inverter no seu barrio, e mesmo se active un proceso de votación electrónica ou en urna, onde as propostas máis valoradas sexan as que se teñan en conta. Para isto, Marea de Vigo proporá que se use a rede de centros cívicos, tal e como están usando outros concellos.

Na proposta do Grupo Municipal, estas ferramentas obviamente estarían circunscritas no capitulo das inversións, posto que uns orzamentos participativos non poden decidir cuestións laborais nin compromisos que existen cos contratos públicos, pero si que o poden no capítulo de inversións, vista a arbitrariedade que hai nas propostas que se están facendo actualmente por exemplo nas humanizacións e no formato de obra publica de elevado custe que se esta seguindo hoxe en día no Concello de Vigo. A proposta vai ser de 2 millóns de euros, cantidade perfectamente asumible polo Concello, e irían circunscritas en actuacións concretas como a redefinición das humanizacións, que os veciños poidan decidir sobre parques públicos, parques infantís, xardíns, palcos, melloras nos mercados,… sendo esta unha maneira de ir introducindo unha cultura de decisión veciñal, e que calquera veciño ou veciña que queira participar no proceso e converter os orzamentos da cidade nun orzamento colectivo poida ter o seu espazo; deste xeito as inversións non quedarían ao arbítreo unipersoal dun concelleiro ou concelleira, senón ao criterio colectivo da cidadanía, que en moitas ocasións se queixa precisamente desa arbitrariedade nas inversións.

Deberíase estar xa falando de se hai vontade política de introducir os orzamentos participativos como experiencia piloto na nosa cidade, e o Concello de Vigo non pode estar illado cando no resto de Europa están instaurados dende hai moitos anos. Cidades como París e New York, as que recorre o alcalde en moitas ocasións para comparalas con Vigo, xa están utilizando estes métodos.

Relacionados