O GRUPO MUNICIPAL DA MAREA DE VIGO PRESENTA AS SÚAS ACHEGAS PARA A ELABORACIÓN DA NOVA ORDENANZA DE MOBILIDADE SOSTIBLE

O texto das achegas da Marea de Vigo conta con tres propostas, todas elas orientadas principalmente á circulación peonil, sendo una delas a creación dun novo título con sete artigos, e as outras dúas, propostas para novos epígrafes a desenvolver.

O novo título proposto pola Marea de Vigo, ven a establecer un marco de normas orientadas cara os traslados a pé, e dicir, a figura do peón dentro do concepto de mobilidade sostible, tal e como se está introducindo dentro dos PMUS (Plan de Mobilidade Urbana sostible) en moitos concellos do estado.

Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, destaca que “gran parte das labores de humanización fanse de maneira individualizada e non teñen en conta o tráfico peonil en canto ao calculo de tempos, accesibilidade e seguridade fronte ao tráfico rodado podendo resultar perigoso nalgún momento”. Esta circunstancia, segundo a proposta da Marea de Vigo, podería ter solución establecendo unha serie de normas relativas as prioridades e sinalizacións que garantisen a seguridade peonil.

En canto as propostas á desenvolver, unha delas baséase na creación de camiños escolares seguros, que promove que as nenas e os nenos poidan ir a pé á escola dun xeito seguro e cómodo, tanto para elas e eles como o para evitar as conxestións nos horarios de entrada e saída dos centros escolares. A outra proposta a desenvolver, recoller a asunción por parte do Concello de Vigo, dos criterios da rede “Cidades que camiñan”, entrando o Concello a formar parte dela. Estes criterios baséanse no dereito da cidadanía a vivir en lugares pensados para as necesidades das persoas e non para as dos vehículos, e, baixo a idea da cidade sostible.

Por outra banda, a Marea de Vigo está traballando nunha proposta arredor da circulación de bicicletas, na que recollerá demandas de colectivos ciclistas que promoven o uso da bicicleta como alternativa aos vehículos de motor.

Relacionados