Marea de Vigo pide información “real e actualizada” sobre o estado legal do ámbito trala anulación do PXOM, o custe expropiatorio que tería adquirir os terreos e a antiga fábrica, un proxecto arquitectónico concreto e unha priorización de usos que prime o público e o asociativo.
Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo suliñou hoxe que “de novo aparecen ideas pretendidamente audaces de que facer co edificio. Dende vivendas e oficinas, a biblioteca pública ou centro socio-cultural; ideas saídas dos sucesivos gobernos municipais, pero que non concretan nada sobre expropiación e adquisición dos terreos, como se artellará a redacción do proxecto e o encaixe na legalidade urbanística vixente e especialmente cal deben ser as prioridades de uso, e polo tanto orientación construtiva, do inmoble e os terreos circundantes.”
Marea de Vigo sempre defendeu, e así figura no programa co que concurrimos ás eleccións municipais “a conservación e rehabilitación íntegra de todos os espazos, sen cambiar as súas características estruturais pero defendemos primar a reutilización como espazo público e aberto con titularidade pública, estando de forma continuada á disposición e servizo da cidadanía”. E polo tanto que Marea de Vigo fai súa a reivindicación do tecido asociativo e cultural de Vigo como espazo solidario e gratuíto onde realizar actividades, ter locais propios as asociacións de todo tipo e poñer ao servizo dos vigueses e viguesas un espazo gratuíto que evite os formatos privados e custosos da antiga obra social de Caixanova e o Auditorio Mar de Vigo por exemplo. Previamente, engade Rubén Pérez, teríase que declarar o complexo industrial como BIC (Ben de Interese Cultural) e incorporalo de xeito análogo ao conxunto histórico e artístico do Casco Vello.
Especialmente para a Marea de Vigo a Panificadora ten que conter un espazo que aporte alternativas ao auditorio Mar de Vigo, alternativas que teñen que ser gratuítas para o tecido social e cultural da cidade habida conta que os vigueses e viguesas tivemos que pagar o “sobreprezo” pola infraestrutura do auditorio Mar de Vigo: orixinariamente cun proxecto de de 85,7 millóns (proxecto orixinal aprobado polo Goberno local en outubro de 2006) e que tivo un orzamento final de 154,5 millóns de euros.
Polo tanto defendendo que Vigo precisa dun gran Centro Social e Cultural (unha vez dinamitadas as obras sociais das Caixas, que no seu día cubrían en parte as necesidades da cidadanía nese aspecto), apostamos por que este centro sexa o edificio da actual panificadora, xuntando a vella idea de CASA DA SOLIDARIEDADE (edificio colectivo con oficinas e espazos de usos múltiples para as ONG´s e asociacións de Vigo) a de Cultural e Social, tal e como existe noutras cidades, onde a veciñanza pode atopar un espazo de lecer, onde desenvolver actividades e mesmo onde organizarse entre ela.