O GRUPO MUNICIPAL DA MAREA DE VIGO PIDE A PARALIZACIÓN DO CONCURSO PARA A CONTRATACIÓN DA PROMOCIÓN TURÍSTICA DE VIGO-RÍAS BAIXAS.

Marea de Vigo considera que o propósito da mesa de contratación de mañá non é outro que volver a sacar a concurso un proceso que quedou deserto en novembro do ano pasado mantendo os mesmos importes (732.000 euros) pero reducindo considerablemente o número de voos.

“Non existe nin a mínima aclaración técnica nos pregos do novo concurso que xustifiquen manter o importe do concurso con menos voos e menos frecuencias semanais” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal, polo que pide “un novo concurso con garantías conforme non esteamos subvencionando sen control a compañías aéreas que logo non consolidan destinos en Peinador.”

Nos novos pregos pódense atopar cambios considerables sobre o número de semanas do ano con voos operativos dentro do contrato ou mesmo modificacións nos criterios de avaliación.

A frecuencia dos voos son os mesmos nos pregos do 2016 e os do 2017, e dicir, 2 voos semanais. Mais se as semanas nas que eses voos teñen que estar operativos diminúen, o resultado é moi diferente.
Por exemplo, e á vista dos pregos técnicos, pódense sacar os seguintes datos:

Vigo-Valencia-Vigo: de 24 semanas nos pregos do 2016, pásase, nos novos pregos, a 15 semanas no primeiro ano e 20 semanas nos seguintes.Vigo-Ibiza- Vigo e Vigo-Palma de Mallorca-Vigo: pásase dun período de 16 semanas ao ano nos pregos do 2016 á un período de 6 semanas nos novos pregos en ambos casos.

Do mesmo xeito modifícanse substancialmente os criterios de avaliación do número de prazas ofertadas, por exemplo para o caso dos voos á Valencia: pasando de asignar o máximo de puntos no concurso (20) por ofertar máis de 10.000 prazas en 2016 a asignar 30 puntos no concurso de 2017 por simplemente ofertar máis de 3501 prazas.

Estes datos, polo tanto, non xustifican o mantemento do importe total do contrato por moito que se poida incrementar a inversión en cuestións como folletos publicitarios, publicidade en repousacabezas ou outras medidas de promoción turística.

“Hai algo de desesperación no xeito e presa por adxudicar este contrato sen modificar os importes e servizos incluídos” sinala Rubén Pérez, o que, para o Grupo Municipal da Marea de Vigo constitúe un motivo máis que suficiente como para que se paralice de xeito inmediato este proceso de contratación.

Relacionados