O GRUPO MUNICIPAL DA MAREA DE VIGO PARTICIPOU ONTE NO PLENARIO DA MAREA DE VIGO, ONDE GRUPO MUNICIPAL E GRUPOS DE TRABALLO COMPARTIRON INFORMACIÓN SOBRE O TRABALLO FEITO E ACORDARON NOVAS ACCIÓNS E ACTIVIDADES PARA OS VINDEIROS MESES.

marea-descartaA/os concelleira/os da Marea de Vigo, fixeron unha valoración conxunta co plenario da Marea de Vigo (órgano de decisión entre asembleas) dos temas tratados no pleno do luns do Concello de Vigo e das liñas de traballo da Marea durante os vindeiros dias.

Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea, deu conta do estado actual do PXOM e da situación de determinados proxectos coa nova lei de medidas urxentes aprobada no Parlamento de Galicia, así como sobre as iniciativas que se poden levar a cabo dende o Grupo Municipal da Marea de Vigo cara a cidadanía, co obxectivo de informala dun xeito sinxelo, sendo conscientes da gran demanda de información que existe por parte das e dos veciños de Vigo. A ese respecto, e tal e como se fixo noutras ocasións, coordinaranse grupo municipal e grupos de traballo para as actividades que se leven a cabo.

Margarida L. Barreiro, presentou ao plenario, as liñas estratéxicas do grupo de traballo feminista. Centrado durante estes dias nunha proposta interna para facilitar a participación de tódalas persoas no plenario. Barreiro expresou que: “O grupo de traballo feminista, sendo consciente de que estas dinámicas tamén se dan nas organizacións de esquerda, xa que non podemos ser alleos a presión que exerce sobre nós a sociedade, presenta as súas primeiras propostas para fomentar a participación colectiva no debate, especialmente a das mulleres que tradicionalmente teñen unha menor presencia na política e cuxa participación activa é imprescindible, xa que a perspectiva de xénero é unha cuestión que hai que potenciar nas posicións políticas de calquera organización progresista”.

Alén disto, tamén explicou a participación activa da Marea de Vigo nas mobilizacións do vindeiro 8 de maio, sendo estas liñas aprobadas por unanimidade do plenario.

Pola súa parte, Xosé Lois Jácome, deu conta da postura e argumentario do Grupo Municipal da Marea de Vigo sobre a moción presentada polo PSOE no pleno do pasado luns, respecto a mellora das liñas Vigo-Madrid.

Estando de acordo o plenario en que a Marea de Vigo apoiara as melloras que outras organizacións propoñan para as/os usuarios do transporte da nosa cidade e de Galiza en xeral, no debate que se deu, o colectivo amosou a súa preocupación polas liñas políticas do goberno municipal en canto a transporte colectivo, priorizando peticións nas liñas de longa distancia, cando a realidade e que o transporte ferroviario de proximidade está sendo desmantelado, sendo imprescindible para o desenvolvemento económico do país a potenciación do transporte no eixo atlántico.

Xosé Lois Jácome resumiu a postura colectiva: “O PSOE, xa por dúas veces, propón a mellora das liñas a Madrid, cousa que é positiva. Mais centra as súas iniciativas en liñas de longa distancia, cando as/os traballadores de Vigo e a súa comarca usan para os seus desprazamentos liñas de proximidade. As mocións que presentan os grupos no pleno amosan as súas prioridades e xa que din ser os defensores da cidade, resulta incoherente que estean máis preocupados por liñas de longa distancia cun porcentaxe de uso baixo e que non se queiran enterar de que traballadoras e traballadores de Redondela ou Arcade, por exemplo, aos que deberiamos facilitar o desprazamento aos seus postos de traballo xa que son imprescindibles para o desenvolvemento económico da cidade, así como o transporte de cercanías o elemento vertebrador do pais”. Esta postura sobre as prioridades de inversión é ratificada polo Plenario da Marea de Vigo.

Relacionados