O Grupo Municipal da Marea de Vigo esixe aclarar se os membros do xurado estiveron illados e sen saír ao exterior nin comunicarse mentres configuraban o exame que horas despois se lles entregaría aos opositores.
O Grupo Municipal da Marea de Vigo lembra que solicitou “repetidas veces” a elaboración dun código de boas prácticas para os procesos de oposicións que se leven a cabo no Concello de Vigo, vistas as múltiples denuncias que, tanto nos tribunais como de xeito interno, están chegando á Casa Consistorial. Esta vez son ducias os opositores e opositoras que están alegando contra o proceso de exame tipo test realizado o pasado venres no polideportivo de Navia.
Marea de Vigo sigue sen entender porque non existe un temario oficial das probas para a policía local de Vigo e non comparte en absoluto o sistema polo cal cada membro do tribunal propón preguntas dos diferentes temarios existentes no mercado, debendo ser, ademais, o contido do exame adecuado ao nivel da oposición (Grupo C1). O lóxico e transparente é que as 100 preguntas se configuren por sorteo o mesmo día do exame e cos opositores e opositoras xa nos seus asentos. “O feito de ter que esperar un tempo mentres se elabora o exame non supón ningún problema, ao revés, estarán encantadas e encantados de esperar sabendo que é para unha garantía de igualdade e transparencia no proceso”, matiza Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal.
O Grupo Municipal da Marea de Vigo pide tamén que, sobre as probas físicas, é necesario desenvolver unha nova norma mediante a cal, estas sexan controladas a través do Colexio Oficial de Graduados en Educación Física, a federación de atletismo e natación e do persoal técnico municipal de deportes.
Marea de Vigo pide “paralizar de xeito inmediato” o proceso e que o Concello de Vigo abra unha auditoría de todo o proceso selectivo emendando ou mesmo anulando o mesmo se é preciso para garantir a lei de Estatuto Básico do Empregado Público e a Lei 4/2007 de coordinación dos policías locais de Galicia. A cantidade de “denuncias” de todo tipo que se están facendo sobre o acontecido na proba teórica fai necesario o total esclarecemento sobre o acontecido o pasado venres, conseguindo así, por unha banda, o estrito cumprimento da lei e do principio de igualdade para as persoas opositoras, e pola outra, aclarar quen son as persoas responsables reais, posto que, froito da opacidade do proceso, seguramente haxa tamén persoas que están sendo acusadas de xeito inxusto.