O GRUPO MUNICIPAL DA MAREA DE VIGO CUALIFICA DE “PRECARIZANTE” E DESASTROSA A XESTIÓN DO PERSOAL NO CONCELLO.

O vindeiro 28 de febreiro desaparecerá o servizo de atención e información á poboación inmigrante e emigrantes retornadas/os, servizo que atendía a mais de 1000 persoas ao ano.

O servizo viña existindo desde o ano 2004, para dar atención ás aproximadamente 16.000 persoas migrantes que residen na nosa cidade. Contaba cunha traballadora social e un asesor xurídico, ambas especialistas en estranxeiría. Este servizo será definitivamente “finiquitado” nunha Xunta do Goberno Local que vai ter lugar, se nada cambia, o vindeiro luns.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo considera que esta actuación está a mesma altura que a da decisión de saírse do Foro Galego de Cooperación e Solidariedade para supostamente levar a cabo cooperación “directamente desde Vigo” (en verbas de Abel Caballero), feito que xamais se levou a cabo nin ten visos de chegar a facerse, pasando tamén a partida orzamentaria destinada para a cooperación ao xa famoso “saco do superávit”.

Xosé Lois Jácome, concelleiro da Marea de Vigo, e representante da mesma no Consello de Cooperación, manifesta que “gustaríanos saber que criterio se seguiu e a que tipo de política corresponde o desmantelamento do servizo, aínda que supoñemos que será o mesmo criterio polo que non se gasta nin un só euro en cooperación despois de saírse unilateralmente do Foro Galego de Cooperación e Solidariedade”

O asunto aínda é mais grave, existindo unha subvención da Xunta de mais de 90.000 euros destinada directamente ao servizo, polo que a manida escusa das competencias que lle corresponden ao concello ou a xunta, neste caso, non sirve.

A Marea de Vigo considera que este Goberno Municipal está chegando a límites perigosos de interpretación dos feitos cando, cunha man afirma que a súa inversión en política social e a maior “do mundo”, e coa outra, por unha parte vai desmantelando os servizos que si que levaban a cabo de xeito efectivo tarefas de política social como no caso do servizo as persoas migrantes, e pola outra non executa partidas de política social (na que tamén está a de cooperación internacional) para encher mais o saco do superávit. Este Grupo Municipal lémbralle ao Goberno que os cartos públicos non se poden usar ao arbítreo dun rexedor segundo o interese propagandístico do momento.

Relacionados