“É un acerto do xurado premiar un proxecto no concurso de ideas que elimina o uso residencial e conserva os silos e almacéns”, afirma Rubén Pérez tras ver o proxecto, á vez que lamenta a “escasa definición da sustentabilidade económica dos usos previstos. Case todos os usos son formulados en réxime concesional ou de alugueiro”.
Do mesmo xeito, a Marea de Vigo felicita tamén aos colectivos como “Outro Vigo é Posible” ou “Entremos na Panificadora”, que loitaron estes anos por unha rehabilitación integral e con usos públicos do espazo.
Marea de Vigo considera que a reforma do PEPRI do Casco Vello, que terán que acometer tamén os gañadores, terá que redefinir mellor os usos, xa que, por exemplo, os 2.500 metros cadrados para a biblioteca do estado resultan “absolutamente insuficientes vendo as bibliotecas que con financiación estatal se fixeron en cidades como Compostela, que ocupa un espazo de máis de 4.000 metros cadrados”.
As cuestións relativas aos usos terían que terse tido en conta antes de redactar as bases do concurso de ideas, facendo un proceso participativo a diverso tecido social da cidade (mesmo convocando o Consello Social da Cidade) a fin de afinar usos e prioridades por parte da cidadanía viguesa. “As profundas eivas de infraestruturas sociocomunitarias en Vigo requiren que o Concello prime determinados usos da antiga panificadora antes de abrir o concurso de ideas arquitectónico xa que, non é o mesmo rehabilitar un espazo industrial para ser un centro comercial que unha biblioteca ou auditorio público”, tal e como o expresou a Marea de Vigo no seu día.
Marea de Vigo tamén considera positivo que se descarte a demolición de gran parte da antiga panificadora proposta no seu día polo alcalde de Vigo Abel Caballero. Agora soamente queda que o proceso expropiatorio e construtivo non se converta nun calvario entre administracións como habitualmente nos teñen acostumados.