O GRUPO MUNICIPAL DA MAREA DE VIGO CONSIDERA QUE O CONCELLO DEBE ASUMIR A RESPONSABILIDADE SOBRE O APARCADOIRO DA PORTA DO SOL DESPOIS DE MAIS DUN ANO DE PECHALO E SE CUESTIONA O PORQUE NON O FIXO ATA O DE AGORA.

parkingA Marea de Vigo, para a que o primordial con respecto a este desastre é a situación do cadro de persoal, reitera que este Goberno Municipal asumiu un compromiso co cadro de persoal dos aparcadoiros da Porta do Sol e Praza de Portugal froito dunha moción da Marea de Vigo en decembro do 2015.

Non resulta estraño que salten múltiples opinións, tanto de organismos institucionais como por parte da veciñanza da zona sobre a xestión do aparcadoiro da Porta do Sol, posto que o Concello non moveu un dedo para solucionar a situación creada. Neste senso, a Marea de Vigo non se move un ápice do xa exposto noutras ocasións, reiterando a posibilidade da remunicipalización deste aparcadoiro xunto co da Praza de Portugal a través dunha empresa pública e, cumprindo así o acordo plenario de decembro do 2015, subrogando ao persoal que perdeu os seus postos de traballo en setembro do ano pasado e dos que ninguén parece lembrarse.

No caso da non remunicipalización, política sobre a que este Goberno Municipal non é nada afín a pesares de levar a palabra “socialista” nas súas siglas, de ser concesionado outra vez, a Marea de Vigo alerta que nese caso debe ser a través de concurso público, e non a través doutras fórmulas de xa demostrado fracaso. Concurso onde documentalmente se deberá reflectir a realidade ao redor destes aparcadoiros, e porque non, o feito de estar suxeito a un acordo plenario tomado pola unanimidade dos 27 representantes da cidadanía viguesa no Concello. E onde ademais se debería respectar o regulamento do propio aparcadoiro aprobado tamén en Pleno, onde, entre outras cousas, se reflicte que o aparcadoiro debe ter rotación e non só prazas para residentes, feito que tamén parece estar poñéndose en dúbida ultimamente.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo, como sospeitou desde un principio e cada dia que pasa parece que toma mais forma, cree que toda esta manobra ten parte de intencionalidade, cando vemos que outros aparcadoiros, doutras empresas, privados, próximos, estanse a facer de ouro a costa do peche da Porta do Sol e Praza de Portugal, algo que, en teoría non debería de condicionar as actuacións dun Goberno Municipal.

Agora nos atopamos con dous aparcadoiros pechados e converténdose nunha ruína onde si que vai ser xustificada unha gran obra polo estado no que están quedando as instalacións ao non ter uso, e un cadro de persoal insultado e vilipendiado por parte dun Goberno Municipal que parece que ten intención de conseguir o seu esquecemento no tempo.

Para as concesións que o goberno municipal considera que teñen algún tipo de rédito ou custo electoral son quen de “mover Roma con Santiago” como aconteceu, por exemplo e recentemente, co alumeado de Nadal, no que non se mediron á hora de “adaptar a lei as súas necesidades” e non ao revés; en cambio, noutros casos como este, o interese é nulo. Ou non, e precisamente esta inoperancia responda tamén a intereses.

Relacionados