Ante a noticia da petición a Izquierda Unida de 15.000 euros polo uso do cántico “A por ellos, IU” no seu vídeo electoral “El lema”, IU manifesta:
O lema que se lle ocorre a un personaxe do vídeo está evidentemente inspirado nos berros que os inchas deportivos levan décadas cantando: “A por ellos, oé”. Esa fonte de inspiración compartímola con Alfonso Aguado, que a utilizou para a canción do mesmo título que empregou a Federación Española de Fútbol no Mundial 2006. É dicir, Izquierda Unida e Alfonso Aguado comparten o cántico popular como fonte de inspiración, pero en ningún caso IU tivo no recordo a canción de “La Banda del Capitán Canalla” ao escribir o guion do vídeo. Proba diso é que non aparece ningún dos versos orixinais da canción, senón só o “A por ellos…” que tanto e tan antigo arraigamento ten en campos de fútbol de todo o mundo hispanoparlante.
Izquierda Unida defendeu sempre, e seguirao facendo, aos autores e as autoras e os seus dereitos intelectuais. Con todo, resulta evidente que Alfonso Aguado non é o autor dos lemas “A por ellos” nin “A por ellos, oé” nin da melodía coa que leva tanto tempo coreándoos nos campos de fútbol. Que Alfonso Aguado rexistre os lemas e a melodía non obedece a política de autor algunha, senón a estratexias recadatorias, utilizando para iso un lema cuxa autoría é popular. Se a alguén debese pagar IU dereitos de autor, non é a Afonso Augado, senón aos miles de afeccionados e afeccionadas que antes que el animaron aos seus equipos con ese cántico. E se IU tivese que pagarlles por un vídeo do que non obtivo nin un euro, non queremos pensar canto tería que pagar quen obtivo xenerosos ingresos pola canción rexistrada.
Na presente campaña electoral, IU destacou polo seu programa valente en cuestións culturais e de coñecemento libre. Fixemos unha aposta pola democratización do coñecemento e a cultura, por xestionar de forma pública os dereitos de autor, pola defensa das autoras e os autores sen que iso supoña a privatización do coñecemento con obxecto meramente recadatorio. Apostamos polo software libre, colocamos licenzas Creative Commons nos nosos vídeos e páxinas de campaña e colocámonos na vangarda do uso das novas tecnoloxías da información e a comunicación como instrumento da sociedade e non dunhas poucas multinacionais e sociedades privadas de xestión. Non queremos pensar que esta absurda denuncia sexa unha resposta contra o noso programa electoral e a nosa práctica política, pero EU non elabora o seu programa en función das ameazas de poderes fácticos, senón das propostas e desexos da súa afiliación.
Por todo iso, non contemplamos pago algún polo mero feito de que alguén teña a ocorrencia de intentar apropiarse dun lema cuxa única autoría é popular. Apelamos á sensatez de quen defenden os dereitos de autor para que ninguén volva aparentar defender máis o lucro persoal ata o absurdo que os lexítimos dereitos de autoría.
Na defensa dos autores e as autoras e dos seus dereitos, na defensa da cultura e na defensa do coñecemento libre sempre atoparán a Izquierda Unida. No sometemento ás ameazas irracionais, en cambio, non nos verá ninguén.
Ver o vídeo “El lema”.
Ver noticia orixe do asunto.
Noticia extraida da páxina da campaña electoral as europeas 2009