Desde Esquerda Unida Vigo queremos trasladar, con motivo da celebración do Día do Libro, unha denuncia e unha esixencia claras sobre o estado real das bibliotecas na cidade de Vigo, que contrasta de maneira evidente coa imaxe de cidade cultural e editorial que se pretende proxectar.
Mentres se desenvolven actividades literarias puntuais arredor do Día do Libro, a realidade estrutural segue a ser a dunha cidade sen unha verdadeira rede pública de bibliotecas, sen planificación estable e sen unha política bibliotecaria integral que dea resposta ás necesidades da poboación.
Vigo conta cun tecido editorial potente, con máis do sesenta por cento do sector galego concentrado na área metropolitana, e cunha tradición literaria e cultural incuestionable. Porén, esta realidade non se corresponde coas infraestruturas públicas de lectura, que seguen sendo claramente insuficientes e desiguais.
A día de hoxe, a cidade continúa sen unha rede bibliotecaria municipal plenamente desenvolvida. Existen iniciativas relevantes pero illadas, como a biblioteca Xosé Neira Vilas no Calvario (única municipal, a biblioteca “Juan Compañel ” a otra biblioteca de referencia na cidade pertenece a Xunta) ou o proxecto da biblioteca de Teis, así como a sala de lectura de Navia, que carece dos medios e persoal necesarios para cumprir unha función bibliotecaria completa. Estas actuacións, aínda sendo positivas, non conforman unha estrutura de cidade nin unha planificación global.
Ao mesmo tempo, persiste un bloqueo institucional no referente á Biblioteca do Estado, prevista na zona do Chouzo, froito da falta de acordo entre administracións e agravado pola inestabilidade orzamentaria. Esta situación prolonga indefinidamente unha demanda histórica da cidade.
A esta realidade súmase a ausencia dunha integración efectiva das principais bibliotecas especializadas e de referencia de Vigo, como a Fundación Penzol ou o Instituto de Estudos Vigueses, que permanecen fóra dun sistema público coordinado e accesible á cidadanía.
Resulta especialmente contraditorio que, mentres se formula o obxectivo de aspirar a que Vigo sexa recoñecida pola UNESCO como Cidade da Literatura, non se avance na condición máis básica para esa aspiración: unha rede bibliotecaria pública sólida, estruturada e territorialmente equilibrada.
Por iso, desde esta organización esiximos:
A creación inmediata dunha rede municipal de bibliotecas públicas en todos os barrios de Vigo.
A consolidación e dotación suficiente das bibliotecas xa existentes, como Teis, Navia ou Neira Vilas.
A integración funcional das bibliotecas especializadas da cidade nun sistema público coordinado.
Un compromiso orzamentario estable, plurianual e suficiente que garanta persoal, fondos e funcionamento digno.
As bibliotecas non poden seguir sendo proxectos fragmentados nin promesas recorrentes: son unha infraestrutura básica dunha cidade moderna, democrática e culturalmente viva.
O Día do Libro debe ser algo máis que unha celebración simbólica. Debe ser o punto de partida para unha política pública real de lectura, acceso ao coñecemento e igualdade cultural.
Vigo merece unha rede de bibliotecas á altura da súa historia, da súa industria editorial e da súa cidadanía.
Por unha política bibliotecaria pública, estruturada e inmediata para Vigo.



