O Grupo Municipal da Marea de Vigo vén de dar unha rolda de prensa para facer balance sobre os dous primeiros anos de lexislatura nos que a Marea de Vigo está no Concello.
Entre os asuntos máis salientables para a Marea de Vigo, un punto de inflexión nestes dous anos foi a innecesaria aprobación dun novo Regulamento do Pleno, que, segundo as verbas do concelleiro Xosé Lois Jácome, “veu consagrar a limitación á labor e ao dereito á información da oposición, xunto ao baleirado de contido político dos plenos a través do nulo contido das comisións informativas, ou á limitación para a presentación de mocións”
Jácome destacou ademais o “escaso compromiso coa normalización lingüística para un Goberno ao que se lle enche o peito no día das Letras Galegas, mentres, de facto, non leva adiante as políticas de normalización lingüísticas no propio Concello”
Na súa intervención, Xosé Lois Jácome tamén insistiu no tocante á contratación pública e os efectos que están tendo as prácticas levadas a cabo para as e os traballadoras/es. “Nestes dous anos, consagráronse dinámicas de contratación pública a base de recursos contractuais e conflitos laborais como o persoal de limpeza sen cobrar, parques e xardíns en permanente problemática a causa dos recursos sobre o propio proceso de contratación, ou o persoal dos aparcadoiros da Porta do Sol e a Praza de Portugal, persoal ao que se lle prometeu unha solución precisamente a raíz dunha moción do Grupo Municipal da Marea de Vigo aprobada por unanimidade no Pleno sobre a que nada fixo o Goberno Municipal. Hoxe en día están na rúa e os aparcadoiros pechados” explicou o concelleiro.
En canto a cultura, salientáronse as carencias que ten a cidade froito da concentración de medios económicos en proxectos como o Auditorio do Mar de Vigo, no que “nestes dous anos seguiuse afondando no burato que representa para os orzamentos de cultura nesta cidade, cartos que só serviron para o lucro da concesionaria, xerando así un “contenedor sen contido”, cunha escasa programación cultural que nos costa medio millón de euros ao ano de cartos públicos” segundo as verbas do concelleiro Xosé Lois Jácome.
Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, comezou a súa intervención coa idea de que “estamos ante un goberno en repregue; non estamos ante aquel goberno que “fanfarroneaba” con inversións, coa situación do urbanismo na cidade ou mesmo coa situación económica e política de Vigo facendo incluso comparacións de xeito tendencioso con outros gobernos municipais”.
“Somos unha das grandes cidades do estado co planeamento urbanístico anulado, con procesos xudiciais abertos importantes, cun goberno que ten que empregar pantallas publicitarias e mediáticas. En lugar de investir para tratar de paliar as carencias despois do desmantelamento de servizos dos anos da crise a través de dotacións e grandes investimentos nos barrios (por exemplo en materia de educación e cultura), a maior parte dos recursos se foron para as humanizacións, que son, para a Marea de Vigo, completamente discutibles en canto á creación de emprego ou mesmo sobre o mantemento das mesmas. Nin tan sequera foron para os grandes proxectos que se prometeron na propia campaña electoral nin ao principio da lexislatura, como aconteceu co famoso e tamén cuestionado aparcadoiro gratuíto na contorna do Hospital Álvaro Cunqueiro” explicou Rubén Pérez.
Para a Marea de Vigo, a utilización de recursos como o o AVE (utilizado xa dende o ano 1993 polo mesmo Abel Caballero), xunto a modelos de concentracións cidadás como foi aquel da “defensa da banca viguesa”, supoñen un enésimo intento de xustificar un goberno, na práctica, en retroceso.
Rubén Pérez, cualificou como “outro burato político que temos aberto” en referencia a Área Metropolitana, a cal “xeraba un bo momento para metropolitanizar servizos públicos, e, dese xeito, poñer enriba da mesa a posibilidade de levar a cabo políticas de retorno do público, que terían así prezos non desorbitados como é no caso da auga ou o transporte para a veciñanza da Área. Vendo as actitudes do PP e o PSOE sobre este tema, é moi difícil que vexamos a Área Metropolitana nesta lexislatura”
O Grupo Municipal da Marea de Vigo considera que se está construíndo un réxime perigoso para o futuro municipalista do Concello de Vigo de seguir nesta senda, xustificada por algúns polo punto de vista das maiorías absolutas. Hai moitos exemplos de concellos que, con maiorías absolutas, deixaron os seus municipios “hipotecados” por moitos anos, e non se trata só dunha cuestión económica senón de funcións e servizos esenciais.
Esencial é a contratación pública, mediante a que se pode amarrar o futuro dunha cidade a catro empresas
Esencial tamén é o urbanismo: Un plan anulado despois de 6 anos de vixencia, que conta con centos de proxectos atrapados nel e sen visos de ser aprobado un novo no que queda de lexislatura.
E, esencial é o tecido asociativo veciñal, cultural e incluso deportivo. Convencelos que a súa relación co Concello é o convenio directo establece políticas de “premio e castigo” capaces de desartellar o movemento asociativo da cidade, e iso, segundo a Marea de Vigo, é o que está a acontecer.
Para a Marea de Vigo, visibilizar e combater esta realidade vai ser o eixo de traballo nos dous anos que quedan de lexislatura.