MAREA DE VIGO REXISTRA UNHA MOCIÓN PEDINDO CONTROL SOBRE A PROLIFERACIÓN DO EUCALIPTO.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo rexistra unha moción pola biodiversidade fronte á eucaliptización, pedindo a asunción de medidas de control sobre a proliferación do eucalipto.

A concelleira Marga L. Barreiro asina a moción da Marea de Vigo na que se pide a inclusión do eucalipto no catálogo de Especies Exóticas Invasoras.

Desde os anos 60,  varias zonas de Galiza, Asturias, norte e centro de Portugal, así como o suroeste de Andalucía foron territorios nos que se levaron a cabo repoboacións coa especie exótica eucaliptus, coa finalidade de abastecer as empresas papeleiras coa madeira destas árbores. O que aconteceu e que no que nun principio semellaba ser unha situación controlada e localizada, converteuse nunha “invasión” que está causando graves problemas para o ecosistema da zona, reducindo a biodiversidade e mesmo achegando enfermidades e pragas contra as que os produtores de madeira e empresas de pasta de papel utilizan insecticidas e funxicidas que conteñen axentes coma o glifosato (cun efecto moi nocivo para a saúde animal).

Marga L. Barreiro, concelleira do Grupo Municipal da Marea de Vigo, explica que “É evidente o impacto que as repoboacións con eucaliptos e o seu espallamento teñen sobre o territorio galego se non se modifican as condicións actuais, nas que se ignoran os aspectos recollidos nas directivas europeas e na lexislación estatal e autonómica en materia de protección da paisaxe, e que dan como resultado centos de hectáreas continuadas, moitas delas afectadas por pragas, producindo anormalidades ambientais como a diminución dos caudais de pozos e mananciais, solos sen biodiversidade, carencia de fauna, contaminación por tratamentos químicos etc.”

A secuencia evolutiva da especie, lonxe de reducirse co Plan Forestal aprobado no Parlamento galego no ano 1992, no que se contemplaba frear as repoboacións de eucalipto, foi en constante aumento. Se nos anos 70 o inventario contabilizaba 131.800 hectáreas, esta cifra multiplicouse case por 3 e no pasado ano 2016 pasaba a ser de 350.000 hectáreas.

Un dos motivos polos que estas cifras foron subindo exponencialmente nas últimas décadas, ademais de como consecuencia de repoboacións voluntarias, foron os lumes forestais, sobre os que se calcula esta cifra incrementouse en 25.000 hectáreas aproximadamente.

“É o momento de tomar decisións vitais cara o futuro dos nosos ecosistemas, e cara a recuperación da flora e fauna autóctonas da nosa terra” explica Marga L. Barreiro. “Esta moción estase levando aos plenos de varios concellos galegos polas consecuencias que tería non tratar de mudar a situación. Todas sabemos ademais o que vai comezar a acontecer nesta época do ano, na que por desgraza xa están comezando a darse os primeiros lumes, e hai que facer todo o que se poida, tanto na prevención coma por paliar os efectos dos mesmos”.

Relacionados