MAREA DE VIGO REXEITA A RESPOSTA DA COMISIÓN EUROPEA Á DENUNCIA DA AGDSP E CONSIDERA QUE É NECESARIO NON CESAR NA MOBILIZACIÓN CIDADÁ CARA A RECUPERACIÓN DO HOSPITAL PARA A SANIDADE PÚBLICA

Marea de Vigo manifesta a súa desconformidade e desagrado pola forma e polo fondo da resposta da Comisión Europea á denuncia presentada pola Asociación galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP).

Pola forma, pois dita comisión necesitou 14 meses para dar unha resposta que non entra a dirimir os temas presentados e aduce falta de probas. Partindo do feito de que cando unha plataforma cidadá da Comunidade Europea acode a unha administración comunitaria, como a Comisión, é para que esta poña en marcha os mecanismos de investigación diante dos feitos que levaron a aceptar a trámite a denuncia. Non se está diante dun proceso xudicial no que os denunciantes han de soportar a carga da proba, senón diante dunha demanda presentada ante un organismo que ten funcións de control do cumprimento da normativa comunitaria, e ca demanda se lle presentan diferentes aspectos para que practique as indagacións pertinentes e valore o cumprimento ou non da devandita normativa.

Polo fondo, pois ao non exercer as súas responsabilidades de investigación nun caso como este, no que está en xogo un modelo concreto de financiar, construír e xestionar un novo hospital para a sanidade pública, semella que está validando o modelo, con independencia de que vulnere a propia normativa comunitaria.

Por tanto, e segundo Marga L. Barreiro, concelleira do Grupo Municipal da Marea de Vigo, “as argumentacións dadas para a desestimación semellan estar cargadas de intereses partidarios, pasando por enriba do contido da denuncia e por tanto, da cidadanía que, día tras día e cada vez que se mobiliza, mostra o seu desacordo coa xestión do HAC. Esta resposta por tanto, ven a avalar o sistema de construción e xestión do hospital; Aínda que non é de estrañar, posto que todo é acorde coa ideoloxía da CE, e por tanto, quen queda amparado por esta decisión non é outro que o Goberno da Xunta”.

A Marea de Vigo continuará a denunciar a estafa para a cidadanía que supuxo o xeito de financiar, construír e xestionar o Hospital Álvaro Cunqueiro e, demanda a súa recuperación integra para a sanidade pública para convertelo no hospital público que necesitamos. Do mesmo xeito que seguirá apoiando as iniciativas levadas a cabo pola Asociación pola Defensa da Sanidade Pública.

Marga L. Barreiro, concelleira da Marea de Vigo, engade ademais, que “A cidade non debe deixar de moverse por erradicar este sistema de xestión sanitaria que está hipotecando o futuro da área sanitaria de Vigo.”

Relacionados