MAREA DE VIGO PROPORÁ NO PLENO A CREACIÓN DUN PARQUE MUNICIPAL DE VIVENDAS COMO O QUE XA FUNCIONA EN BURGOS, BILBAO, AS PALMAS, ETC..

Concello_de_VigoO Grupo Municipal da Marea de Vigo alerta da inexistencia de políticas organizadas de vivenda para colectivos en risco, que o Concello de Vigo non leva a cabo coa escusa de dicir que “as competencias de vivenda son autonómicas” mentres que outros concellos sí o fan. “Estes concellos levan políticas de vivenda sen tomar en conta á xestión autonómica e non pasa nada” suliña Rubén Pérez

Rubén Pérez, anunciou tamén que Marea de Vigo votará en contra do alleamento público de vivendas e solares que o goberno local pretende aprobar mañá en Xerencia de Urbanismo, en concreto 15 vivendas na Rúa República Arxentina e varios solares de titularidade municipal. Marea non entende como “a escusa de obtención de recursos económicos” pode ser un criterio para allear patrimonio público como figura na proposta de expediente cando a situación económica da que alardea o Goberno Municipal do Concello de Vigo non o precisa.

Marea de Vigo presentará unha moción ao pleno na que solicitará que se acorde a creación dun PARQUE DE VIVENDA MUNICIPAL como o aprobado en pleno de Concellos como o de Burgos, que en 2015 aprobou a creación dun parque de vivendas para atender a persoas e familias en risco de desafiuzamento ou sen recursos para acceder a unha vivenda digna.

Este futuro parque contaría coa totalidade das vivendas de titularidade municipal que figuran no inventario de patrimonio e aquelas que puidesen ser cedidas a súa titularidade ou uso por entidades bancarias, SAREV ou outros organismos públicos mediante convenio. No caso de Burgos unha entidade bancaria cedeu varios inmobles que son empregados polo concello como vivendas de emerxencia social.

Marea de Vigo considera que Vigo está “a anos luz” de iniciativas como as Sociedades Municipais de Promoción e Xestión de Vivenda que funcionan en Cádiz ou Zaragoza, que facilitan á cidadanía o acceso á vivenda digna en arrendamento ou mesmo en propiedade, ademais de xestionar o rexistro e os parques de vivenda municipal.

Do mesmo xeito Marea pedirá aclaración de que vai pasar coa parcela final resultante da agrupación das parcelas e vivendas expropiadas para a cesión de terreos á Xunta para a construción da cidade da Xustiza. O Grupo Municipal da Marea de Vigo entende que sen plan xeral do 2008 como referencia, coa posible alternativa de situar a cidade da Xustiza no edifico do antigo Hospital Xeral, cunha parcela xa rexistrada a nome do Concello e obtida con recursos de alleamentos públicos tal e como figura na LOUGA, debería ter un uso exclusivamente para a construción de vivendas “suxeitas a algún réxime de protección pública” tal e como figura no artigo 176.2.e da LOUGA e mesmo no expediente de alleamento do anterior lote de vivendas da rúa República Arxentina que dotou os recursos para as expropiacións deste ámbito.

Relacionados