Marea de Vigo trasladou hoxe ao grupo parlamentar de AGE unha serie de emendas ao proxecto de Lei de Área Metropolitana. O Grupo Parlamentar de AGE non presentou finalmente a solicitude de devolución que garantía o debate sobre as insuficiencias da lei, e no seu lugar presentou as emendas que se lle trasladan dende este Grupo Municipal e as que elaborou o propio Grupo Parlamentar.
As emendas da Marea de Vigo están feitas baixo a filosofía da recuperación dos servizos públicos actualmente privatizados, así como do control dos servizos concesionados, incluíndo nas mesmas as garantías de cumprimento dos pregos no caso das empresas adxudicatarias de tales servizos, tal e como sempre defendeu a Marea de Vigo. Transporte, RSU, a auga, son servizos que poden ser perfectamente asumidos directamente dende a Área Metropolitana e o Grupo Municipal da Marea de Vigo considera que neste momento, co debate desta lei, ábrese a porta a cambios substanciais en materia de recuperación para a xestión pública directa.
Por outra banda, pídese artellar un estatuto de capitalidade para Vigo evitando o baleiro legal da declaración de capital semellante a capital provincial que expón o PSOE e que obrigaría a modificar a lei de bases de réxime local.