MAREA DE VIGO POLO PRIMEIRO DE MAIO

O Grupo Municipal da Marea de Vigo súmase ás reivindicacións das centrais sindicais no Primeiro de Maio e anima á cidadanía a acudir as mobilizacións convocadas  mañá na nosa cidade.

Para a Marea de Vigo, a mobilización é un piar fundamental para a transformación cara a igualdade e a xustiza social.

Os últimos datos de desemprego aportados pola EPA resultan devastadores. A taxa de paro galega xa é do 17,3%, unha das máis altas no conxunto do estado e o dobre que a taxa media en Europa. A isto súmanse os datos sobre temporalidade, que a colocan nun 90% con respecto ao emprego xerado nos últimos anos. É dicir, o número de contratos indefinidos non chega ao 10%.

Mais tras estes datos demoledores, escóndese unha realidade que non está reflectida nos datos de desemprego, como os centos de traballadores e traballadoras que, aínda tendo un emprego, están vivindo nunha situación en moitos casos de pobreza dados os niveis de temporalidade e parcialidade da meirande parte dos contratos que se están asinando, provocando que, ao redor do 30 % das e dos traballadoras/es cobren por debaixo do SMI.

Con todo, a peor parte sempre a levan as mulleres, ocupando as taxas máis altas de paro e as peores condicións laborais, xa que, sumado ao que tanto homes como mulleres están vivindo neste eido laboral, as mulleres veñen ocupando aqueles traballos onde hai máis precariedade en forma de parcialidade e salarios máis baixos, como son os relacionados cos coidados e aquelas tarefas nas que o sistema patriarcal as colocou de xeito incuestionable dende hai séculos, trasladándoo ao ámbito laboral ao igual que ao resto dos ámbitos da vida.

No entanto, os datos veñen demostrando, unha vez máis, os efectos dunhas reformas laborais encabezadas pola falsa premisa de ser quen de xerar máis emprego estable a costa de medidas de “extrema” flexibilidade laboral, por ser este máis “asumible” para as empresas. Lonxe diso, conseguiuse trazar un camiño de precariedade que cada día está afogando máis ás persoas.

Cada vez con máis frecuencia, as empresas van anunciando, de xeito descarado e impune, grandes recortes a costa da obtención de máis beneficios; empresas, moitas delas, que viven de grandes concesións públicas, ou mesmo empresas receptoras de subvencións para a creación de emprego, pagadas polas mesmas traballadoras e traballadores que sofren os seus recortes.

É por isto, polo que a Marea de Vigo considera que é imprescindible a mobilización de todas e todos, sendo unha parte substancial para poder mudar as políticas que están consagrando a precariedade como realidade da clase traballadora.

Viva o Primeiro de Maio!

Relacionados