MAREA DE VIGO PÍDELLE AO GOBERNO MUNICIPAL A RECUPERACIÓN DOS CASE 10 MILLÓNS DAS TORRES “IFER”

Marea de Vigo pídelle ao Goberno Municipal a recuperación dos case 10 millóns de euros que lle corresponden ao Concello, e polo tanto á veciñanza viguesa, polo aproveitamento lucrativo das Torres “Ifer”.

Os diferentes gobernos negáronse a cumprir a lexislación vixente e as diferentes sentenzas nas que, conforme á propia lei, dotaban ao Concello do 10% da promoción das torres.

“Xusto nun momento no que o debate sobre a vivenda pública ten tanta relevancia, e xusto no momento no que se vai elaborar un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal, a Marea de Vigo considera que xa é o tempo de reclamar para a cidadanía viguesa o que, goberno tras goberno municipal rexeitaron reclamar” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo, xa en agosto do 2015, preguntara no Pleno do Concello se nesta ocasión íase levar a cabo dita reclamación, obtendo como resposta un simple “fíxose como marcaba a lexislación vixente no momento”. A Marea de Vigo entendeu entón que a resposta debía vir motivada polo convenio que tiñan asinado a Promotora Ifer e o propio concello, onde non existía tal 10%, mais, segundo sinala Rubén Pérez, “a lei está e estaba tamén naquela altura por enriba dun convenio bilateral. E dicir, ou o convenio é ilegal, ou simplemente non reflectía esa parte, o que non exime do seu cumprimento”

No seu día, a propia promotora Ifer tratou incluso de “saltarse” a lei nese aspecto, amarrándose ao citado convenio urbanístico.

Dito convenio tamén foi requirido polo Grupo Municipal da Marea de Vigo, hai xa máis dun ano, así como os planos que puideran clarificar as/os verdadeiras/os propietarias/os dos terreos afectados na promoción. Para ambas cousas, a Marea de Vigo obtivo o silencio como resposta.

Ademais destas peticións, hai un feito que, para a Marea de Vigo sería aclaratorio, que non é outro que saber si existe licenza de actividade nas torres, e no caso de non existir, os motivos.

Calquera intento de legalización de todo o ámbito, debería pasar polo reparto equitativo de cargas urbanísticas e beneficios, pola redacción do proxecto de compensación e pola clarificación da propiedade dos terreos, ademais de facer a reclamación que, tal e como fixo Adif (Ministerio de Fomento) reclamando o que lle corresponde á entidade (sentenza 629/2015 do TSXG) o Concello tería que facer, reclamando, neste caso, o devandito 10% de aproveitamento lucrativo.

Para o Grupo Municipal da Marea de Vigo, é especialmente grave que, dende o ano 1996, coñecida a sentenza xa naquela altura polo propio Concello de Vigo, estiveron, todos os diferentes gobernos que pasaron polo Concello, “escurrendo o vulto, facendo varias modificacións e tratando así encaixar e legalizar o que non pode ser legalizado. Mais o máis grave de todo é que, en definitiva, unha promotora privada apropiouse dunha gran cantidade de diñeiro pertencente á veciñanza de Vigo, para o que contaron coa interesada conivencia das persoas que din representar a dita veciñanza” remata Rubén Pérez.

Relacionados