MAREA DE VIGO PIDE QUE VIGO DECLARE INSTITUCIONALMENTE O 28 DE XUÑO EN VIGO COMO DÍA DO ORGULLO LGTBI

logowebO Grupo Municipal da Marea de Vigo rexistrou hoxe unha moción ao pleno do Concello pedindo que o 28 de xuño (DIA DO ORGULLO LGTBI) sexa considerado institucionalmente no termo municipal de Vigo como día de reivindicación e loita polos dereitos dos colectivos LGTBI

Xose Lois Jácome, concelleiro da Marea de Vigo que presenta a moción, lembra que “o 28 de xuño de 1968 sucedéronse diversas revoltas en Stonewall (EE.UU.) para denunciar a criminalización a que estaban sometidas as persoas LGTBI no país, por iso, neste día, se conmemoran reivindicacións que deben ser acollidas por políticas públicas por parte das institucións destinadas a velar polos dereitos destas persoas.”

Para a Marea de Vigo, as fobias cara ás expresións da sexualidade consideradas “diferentes”, lonxe de desaparecer, continúan habitando en aulas, fogares, centros de traballo e ocio, e, por desgraza, tamén nas administracións e servizos públicos.

Por desgraza tamén na nosa cidade a LGTBIfobia (o odio e o rexeitamento ás persoas lesbianas, gais, transexuais, bisexuais ou intersexuais) persiste na nosa sociedade, mostrándose con moitas e diversas caras. A discriminación exercida contra este colectivo é violencia e como tal debe ser denunciada e condenada enerxicamente tanto pola sociedade, como polos propios poderes públicos (só no que vai deste ano rexistráronse máis de setenta agresións contra a diversidade sexual en todo o Estado; moitas outras nunca se chegan a coñecer, pese a existir).

A proposta de moción da Marea de Vigo insta, ademais da declaración institucional o izado da bandeira do arco da vella do movemento LGTBI e unha serie de actuacións socioeducativas para colocar a Vigo ao mesmo nivel que as grandes cidades deste país en materia de dereitos LGTBI

Na moción tamén instase ao Goberno Galego a un maior desenvolvemento da ‘Lei 2/2014, do 14 de abril, de Igualdade de Trato e Non Discriminación de Lesbianas, Gais, Transexuais, Bisexuais e Intersexuais de Galicia’ , en colaboración co movemento asociativo e demais colectivos neste ámbito da Comunidade Autónoma, de cara a dotala de ferramentas e compromisos contra todo tipo de discriminación e violencia contra o colectivo. Ao Goberno central se lle insta a que se inclúa e garantan o proceso da reasignación de sexo no catálogo de prestacións xerais da Seguridade Social e das lesbianas e mulleres bisexuais nos programas de reprodución asistida.

Relacionados