MAREA DE VIGO PIDE AO CONCELLO QUE INVISTA NA CONSTRUCIÓN DE ESCOLAS INFANTÍS DADA A ALTA DEMANDA QUE EXISTE NA NOSA CIDADE, NA QUE SÓ EXISTEN 5 ESCOLAS INFANTÍS PÚBLICAS NA ACTUALIDADE.

A lei Montoro impide ao Concello de Vigo utilizar o superávit para a construción de escolas infantís mais a consignación de recursos no capítulo de investimentos permitiría que se puidesen facer.

A escasa existencia de escolas infantís públicas está obrigando á creación de bonos para as familias co obxectivo de que poidan acceder ás escolas infantís privadas ou concertadas.

Para o Grupo Municipal da Marea de Vigo, unha das medidas que se poderían tomar desde o ámbito do Concello, entendendo que non se pode usar o superávit para elo, é comezar a consignar recursos económicos no capítulo de investimentos para os orzamentos do 2018, no lugar das humanizacións, que si que poden ser financiadas a través do superávit. Por exemplo, o millón de euros que se consignou para a grada de Balaídos (que podería ter saído do superávit) podería terse consignado para a construción de escolas infantís. Marga L. Barreiro, concelleira do Grupo Municipal da Marea de Vigo, incide “Non é comprensible que nos 55 millóns de euros que, segundo o alcalde existen para os investimentos que están en marcha neste 2017, non haxa espazo para a construción de escolas infantís”.

Asociacións como FOANPAS xa teñen feito estudos sobre as necesidades de Vigo en canto a escolas infantís e zonificación, e, entre as conclusións que teñen sacado, os lugares onde hai máis demanda son Bouzas, Navia- Coia, Lavadores-Calvario, Valadares ou mesmo o centro, alén do Casco Vello, onde non existe ningunha opción de escola infantil pública. Desde a Marea de Vigo insístese en que, máis aló das responsabilidades que ten a Xunta por cuestións competenciais en materia de educación, “o Concello ten a capacidade e posibilidade de paliar algunhas das carencias que existen en materia de equipamento educativo e así debería actuar”, explica Marga L. Barreiro.

Relacionados