MAREA DE VIGO LAMENTA QUE OS RECURSOS OBTIDOS POLA VENDA DOS PISOS DE REPÚBLICA ARXENTINA NON TEÑAN DESTINO DE CARÁCTER DE VIVENDA SOCIAL.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo lamenta a venda das vivendas de República Arxentina sen ter destino final para os recursos recadados.  Agora mesmo soamente quedan 4 pisos en propiedade municipal.

Marea de Vigo considera que os máis de 3 millóns de euros recadados na venda deberían empregarse en adquirir máis vivenda de titularidade municipal, pero para destinala a emerxencia social.

Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal, considera que “os valores catastrais e os prezos de saída das vivendas de Rosalía de Castro eran altas, polo que co recadado en cada vivenda poderían adquirirse varias repartidas polo conxunto da cidade para artellar un parque de vivenda municipal de emerxencia social, feito que reiteradas veces temos reclamado dende Marea de Vigo”. Do mesmo xeito, Rubén Pérez tamén entende que “os recursos obtidos de alleamentos públicos, deberían ter un uso exclusivamente para a construción de vivendas suxeitas a algún réxime de protección pública, tal e como figura no artigo 176.2.e da LOUGA e mesmo no expediente de alleamento do anterior lote de vivendas da rúa República Arxentina que dotou os recursos para as expropiacións do ámbito da cidade da Xustiza, situación definitivamente modificada ao situala finalmente no antigo Hospital Xeral.

Marea de Vigo no seu día rexeitou este alleamento público de vivendas e solares que o Goberno Local aprobou na Xerencia de Urbanismo, en concreto 15 vivendas na Rúa República Arxentina e varios solares de titularidade municipal. Marea de Vigo non entendía naquela altura que a escusa de obtención de recursos económicos pode ser un criterio para liquidar patrimonio público como figura na proposta de expediente, cando a situación económica da que alardea o Goberno Municipal do Concello de Vigo non o precisa.

Polo tanto, o Grupo Municipal da Marea de Vigo considera que o destino final dos recursos económicos obtidos nas poxas públicas polas 19 vivendas vendidas (orixinariamente para pagar as expropiacións ou demandas dos ex-propietarios dos terreos da frustrada cidade da xustiza) ten que ser inescusablemente dotar de máis patrimonio público e vivendas coas que o concello poida paliar a inexistencia de vivendas de emerxencia social para as familias que son expulsadas dos seus fogares, especialmente aquelas onde existen menores e persoas dependentes.

Este futuro parque contaría tamén coa totalidade das vivendas de titularidade municipal que figuran no inventario de patrimonio e aquelas que puidesen ser cedidas en titularidade ou uso por entidades bancarias, SAREB ou outros organismos públicos mediante convenio. “Sen expropiar o dereito de uso como fixo por exemplo na anterior lexislatura o goberno andaluz, o rexistro será un mero instrumento estatístico” apunta Rubén Pérez.

Marea de Vigo considera urxente adoptar unha medida proactiva en materia de vivenda por parte do Concello ante a evidencia de que o modelo de rexistro de vivendas baleiro proposto pola Xunta, quen ten competencias en materia de vivenda, é unha cortina de fume, xa que segue sen aclararse como as familias poderán acceder a unha de esas vivendas rexistradas. Hai máis de 2600 vivendas declaradas pola SAREB e entidades bancarias pero nin un solo regulamento nin modelo de acceso ás mesmas.

Relacionados