Marea de Vigo considera que é necesario un cambio na escolla dos premios ás e aos Vigueses Distinguidas/os para evitar o bochornoso espectáculo que xorde na Corporación froito da utilización política das propostas.
“Este ano tampouco puido ser, e por tanto, Marea de Vigo votará coherentemente cos seus principios, mais é necesario darlle a volta aos premios para non converter ás persoas premiadas nunha arma política e xerar mal estar” apunta Marga L. Barreiro, concelleira da Marea de Vigo.
O Grupo Municipal da Marea de Vigo vai votar, no pleno do vindeiro xoves, en coherencia co seu programa e as súas liñas ideolóxicas. Isto é, acorde tanto coa defensa da sanidade pública, da educación pública e laica, e, por suposto, coa defensa dos dereitos das e dos traballadoras/es. O Grupo Municipal da Marea de Vigo o materializará no voto en contra da proposta do PP con respecto ao premio aos colexios de Fomento: Acacias e Montecastelo, colexios privados ligados ao Opus Dei que segregan por sexos, así como o voto en contra sobre a proposta do PSOE para premiar ao que foi dono de Povisa, Jose Silveira, persoa enriquecida con cartos públicos a custa dos procesos de privatización da sanidade, xunto cunha política laboral moi pouco coherente cos dereitos laborais e o emprego digno. Non hai que esquecer que, ademais, está directamente ligado a unha sicav.
Con respecto as outras propostas, Marea de Vigo vai absterse na que premia a asociación Vigo Vello. Non por non valorar mais ou menos a labor do sector hostaleiro do Casco Vello ou da asociación mesma, senón por ser un premio que o alcalde decidiu dar para substituír a unha proposta que non lle gustaba por enriba de ningunha outra: nomear ao Consorcio do Casco Vello vigués distinguido. Sen entrar en valoracións sobre a idoneidade da proposta, a orixinal ou a resultante, a Marea de Vigo cualifica este feito como un xogo infantil, mais dentro da nefasta toma de decisións dos premios Viguesas/es Distinguidas/os, xerando malestar e usando politicamente algo que debería ser positivo.
Marga L. Barreiro, explica que “Marea de Vigo propuxo este ano a Mercedes Oliveira, unha persoa cun percorrido profesional e social de gran incidencia na nosa cidade, sendo un dos referentes no campo da educación sexual con perspectiva de xénero, e, tendo desenvolvido multitude de exitosos proxectos nos que, moitas mozas e mozos da nosa cidade teñen participado. Fixemos esta proposta coa intención de que, tal e como acontece, xerase consenso entre os grupos”.
O Grupo municipal da Marea de Vigo, tal e como xa expresou o pasado ano, tras os desencontros xurdidos por algún dos nomeamentos dos grupos políticos para a obtención do premio, reitera que, para evitar este “xogo de cromos” e para darlle un sentido real aos premios, é necesario cambiar o modo de escolla, por exemplo, cun sistema de votación ao que puidera acceder a veciñanza viguesa, para que, dentro dunha serie de propostas, votasen a que máis considerasen que fixo por esta cidade, premiando entón as persoas ou entidades máis votadas pola propia cidadanía.