O Grupo Municipal da Marea de Vigo considera que a liquidación orzamentaria de 2016 exemplifica unha política orzamentaria baseada no “autobombo” informativo pero con pouco recorrido real a posteriori. Dos “cacarexados” 24 millóns de euros de inversións anunciadas no 2015 para o orzamento 2016 soamente se executaron 7 millóns, apenas o 30%.
Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal de Marea de Vigo afirma que “ou ben o Goberno asume as teses da Marea de Vigo de repensar as humanizacións por custe efectivo e impacto sobre o emprego, cousa que dubidamos, ou estamos ante unha xestión deficiente que xoga co superávit como elemento político e propagandístico”.
Marea de Vigo considera que o informe da liquidación do orzamento correspondente ao exercicio 2016 que se dará conta na Comisión Informativa de Orzamentos e Facenda o mércores 15 contén datos que poñen en evidencia estas prácticas orzamentarias; e a estratexia, denunciada no pleno por Marea de Vigo, de anunciar “a bombo e prato” inversións que logo non se levan a cabo.
Empregar máis de 14 millóns de euros procedentes do superávit de 2015 en anunciar inversións que sumadas ás contidas nos 9 millóns orzamentados fan un total de 24 millóns e logo executar apenas 7 para volver a imputar a superávit o resto, crea un circulo vicioso de uso publicitario do superávit cando a súa orixe moitas veces é froito de non executar partidas importantes en materia de promoción do emprego, cooperación, axudas sociais, de fortalecemento do tecido asociativo e veciñal, etc…
Os datos amosan con “frialdade” como a política de investimentos na cidade é absolutamente improvisada e pensada so para achegar o período de obra en humanizacións as citas electorais. Hai humanizacións que transitan como inversións ao longo de 2015, 2016 e 2017 nunha especie de “Santa Compaña de humanizacións”. O que si é un feito e que á Banca Privada lle entregamos varios millóns de euros “contantes e sonantes” procedentes do superávit para que un alcalde puidera facer unha rolda de prensa anunciando a débeda 0 do Concello. Hoxe poderíamos ter un nivel de débeda asumible, e moitos recursos para realizar un programa ambicioso de inversión pública en, por exemplo, novos centros cívicos (inexistentes en case todos os barrios), escolas infantís municipais e fomento do emprego e do auto-emprego.
Por outra banda resulta ilustrativo que o índice de presión fiscal (que mide o esforzo impositivo realizado por cada vigués e viguesa no pago dos impostos municipais) supera por primeira vez a barreira dos 500 euros por habitante, polo que, dende que Abel Caballero é alcalde pasamos dos 398 euros de 2006 aos 415 de 2007 e os 502 de 2017. Un crecemento sostido nos mesmos anos nos que unha gran cantidade de economías familiares viguesas quedaron moi tocadas.