MAREA DE VIGO DENUNCIA O NULO INTERESE DO GOBERNO MUNICIPAL EN DOTAR A VIGO DE FERRAMENTAS PARTICIPATIVAS

Marea de Vigo pregunta por que o Goberno local de Vigo ignorou a cesión gratuíta da ferramenta “decide” de participación cidadá que París acaba de implantar ao igual que outras cidades do Estado Español.

O Goberno Municipal, a través do seu concelleiro de Participación Cidadá, Ángel Rivas, fixo caso omiso das varias ofertas da Área de Participación do Concello de Madrid, autora da aplicación, nas que se ofrecía gratuitamente esta ferramenta que están usando cidades como Madrid ou agora París e que permite aos veciños e veciñas participar de xeito directo na xestión municipal.

“Si que temos que comparar Vigo ás grandes capitais europeas como Paris, pero fixándonos tamén en cuestións importantes como a transparencia e a democracia participativa, non soamente para xustificar unha obra pública como o futuro túnel da Porta do Sol.” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo.

No pasado mes de decembro, este Grupo Municipal remitíalle ao Concelleiro de Participación Cidadá unha petición á demanda do departamento de Participación do Concello de Madrid. Esta petición, que nunca foi respondida, consistía en facilitar a comunicación entre as Áreas de Participación dos dous concellos, posto que as varias cartas enviadas desde Madrid xamais foron contestadas dende Vigo.

O contido das cartas non era outro que ofrecer a Vigo a posibilidade de beneficiarse, de xeito gratuíto, das mesmas ferramentas web de transparencia e participación que se están utilizando xa en 35 cidades ( http://www.decide.es/es) e que permitirían á veciñanza de Vigo ser partícipes de moitas decisións que se toman neste concello.

A Marea de Vigo non entende como esta ferramenta non pode interesar ao Goberno vigués, a non ser que non interese colocar a Vigo á altura das grandes cidades europeas e do Estado en canto a transparencia e democracia. Este feito, segundo Rúbén Pérez, “forma parte do desmantelamento da política de participación cidadá neste concello, onde temos un regulamento que non sirve para dar solución ás demandas cidadás. É unha oportunidade de ouro, posto que só é necesaria a adaptación do software, que podería facerse perfectamente por parte do departamento de Informática, como teñen feito en todas as cidades onde a ferramenta foi implantada”.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo, despois de poñerse en contacto coa xente que realizou o ofrecemento ao noso concello, afirma que a oferta sigue en pé, e Vigo, se é vontade do seu goberno municipal, aínda pode sumarse á práctica da participación cidadá.

Relacionados