Marea de Vigo realizou un acto/debate sobre os ventres de alugueiro no que quedou plasmada a oposición clara a esta práctica, e definida como a “lexislación dun desexo e non dun dereito”
O acto foi presentado por Paula Quinteiro, deputada de En Marea no Parlamento galego e Marga L. Barreiro, concelleira do Grupo Municipal da Marea de Vigo, que, tras unha introdución á situación legal actual no estado con respecto aos ventres de alugueiro e ás diferentes posturas sobre esta práctica, iniciaron o debate.
Entre os temas que saíron e as conclusións que se sacaron, cabe destacar a consideración que maioritariamente se fixo sobre o porqué e os intereses que moven a regulación dos ventres de alugueiro. Isto substánciase e que os intereses veñen sendo económicos; por un lado, dende o punto de vista da utilización da necesidade económica das mulleres que se usan como “incubadoras” (xa que o debate sobre a regulación dos ventres de alugueiro baixo o concepto de voluntariedade perde sentido ao tratarse dunha minoría case inexistente e apenas existir demanda para casos por exemplo dentro dunha familia ou amizades) e polo outro, das empresas que buscan unha nova fonte de ingresos a través desta práctica, tal e como quedou reflectido por exemplo, na feira que tivo lugar en Madrid neste mes.
Por outra banda, falouse da desmitificación do colectivo gay como gran promotor da regulación dos ventres de alugueiro, xa que se trata, como xa quedou exposto, nunha cuestión económica, transversal ás orientacións sexuais de cada quen, o que permitiría acceder a esta práctica, xunto cunha cuestión puramente machista, neste caso non en canto a motivación, senón en canto á asunción do concepto de obxecto con respecto á muller xestante no momento no que se decide levar a cabo a “xestación subrogada”; cuestión, por desgraza, tamén transversal.
Como alternativa e solución, tamén de xeito maioritario, acadouse que é necesario a mellora integral da lei de adopcións en canto á accesibilidade, non só para o ámbito do estado, senón creando as ferramentas necesarias para facer máis sinxelo o proceso de adopción internacional, sendo conscientes das dificultadas existentes ao tratarse de diferentes lexislacións.
Como conclusión final, e tamén como comezo do debate, quedou patente a diferenciación entre dereito e desexo, asumindo que, lexislar os ventres de alugueiro vén sendo lexislar un desexo, non un dereito, e por enriba deses desexos, está a defensa do dereito das mulleres para decidir sobre o seu corpo, dereito que quedaría anulado desde o momento no que, por unha necesidade económica, é utilizada como ventre de alugueiro.