MAREA DE VIGO CUALIFICA A ACTITUDE DO PSdeG-PSOE EN MATERIA DE SANIDADE UNHA ABSOLUTA INCOHERENCIA XA QUE, RESPONDE A INTERESES MÁIS ELECTORALISTAS QUE A PROPIA DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA, QUE QUEDA RELEGADA A UN SEGUNDO PLANO.

marea-descartaAs votacións do PSdeG-PSOE parece que máis que dependentes do contido, dependen do momento electoral, dos intereses propagandísticos ou en moitos casos, de quen son as persoas que presentan a iniciativa ou moción que teñan que votar.

Marga L. Barreiro considera que o que está pasando co PSdeG-PSOE en materia do Hospital Álvaro Cunqueiro “é para chorar”. Primeiro, no Parlamento de Galiza, vota a favor da Proposición non de Lei que fai o grupo parlamentario de AGE para a reversión ao público do Hospital, con algun engadido que AGE acepta.

Despois abstense no Concello de Vigo de aprobar a moción presentada pola Marea de Vigo para sumarse tanto á denuncia presentada pola Asociación Galega pola Defensa da Sanidade Pública na UE como a dita Proposición non de Lei no Parlamento Galego, dicindo que o Concello non é unha institución “adecuada” para sumarse ás iniciativas que outras organizacións presenten; E mais tarde, de novo no Parlamento, o PSdeG-PSOE rexeita unha emenda de AGE , que antes xa votara a favor, para incluír no texto da súa iniciativa. Por certo, indica Marga López Barreiro, “iniciativa similar á que AGE propuxo para reverter o Hospital Álvaro Cunqueiro ao público e que a eles lle debeu causar algún tipo de reacción de “envexa” por pensar que era un tanto que lle podía ser moi útil para comezar a súa campaña electoral; pois non será polo moito que lle importe o estado da sanidade de Vigo xa que como é visto van sempre detrás das iniciativas dos demais colectivos para facer as súas reclamacións .”

Marga López Barreiro lembra que “non foi o Concello de Vigo quen convocou a manifestación multitudinaria, o Concello sumouse, pero convocou a Xunta de Persoal, a pesar do que o alcalde expresou en varias ocasións” e mesmo no pasado pleno deste martes, onde insistían na idea, cando a realidade e que a loita pola defensa da sanidade publica na área de Vigo sempre foi levada por iniciativa tanto da Xunta de Persoal como SOS Sanidade pública, dando moitos pasos nesa loita á que despois se foron sumando entidades coma o Concello de Vigo.

O que sí fixo o PsdeG-PSOE de Vigo, como é xa coñecido aínda que non lles guste escoitalo, foi facilitar as acometidas de auga e luz para que a obra fose adiante.

O grave vai seguir sendo que a atención hospitalaria nesta cidade segue a ser cada vez máis desastrosa e quédanos un futuro negro para a saúde de toda a veciñanza de aquí en diante se non somos quen de reverter a situación.

Dende o Grupo Municipal da Marea de Vigo pedimos o PsdeG-PSOE que deixe nun segundo plano os seus intereses electorais en favor dos intereses da cidadanía, que ten dereito a unha sanidade pública e de calidade.

Relacionados