MAREA DE VIGO CUALIFICA A ACTITUDE DE ABEL CABALLERO DE CÍNICA AO DEFENDER NA FEMP O CONTRARIO DO QUE FAI NA PRÁCTICA NO CONCELLO DE VIGO

O Grupo Municipal ve ilóxico que o Alcalde pida o 100% da reposición de persoal na admon local para recuperar persoal e, a vez, “deixe caducar” gran parte das convocatorias das oposicións desde o 2010 do concello onde goberna.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo vai solicitar formalmente que se elabore un código de boas prácticas para os procesos de oposicións que se leven a cabo no Concello de Vigo, vistas as múltiples denuncias que, tanto nos tribunais como de xeito interno, están chegando á Casa Consistorial.

Dentro desas propostas que está elaborando o Grupo Municipal da Marea de Vigo, entra o feito de que os exames se fagan sen nomes e apelidos (feito sorprendente pero real no concello de Vigo), así como o feito de que, as preguntas que van as probas tipo “test”, se sorteen o mesmo día das probas, para evitar posibles filtracións das mesmas.

Non é soamente a cuestión das oposicións, senón que este goberno municipal está colaborando na precarización e destrución de emprego mesmo nas concesionarias municipais. Denuncias por incumprimentos de convenio, ameazas de folga por non respectar o acordado entre empresas concesionarias e traballadoras/es ou mesmo a tremenda situación na que deixaron as (xa esquecidas por parte do Goberno Municipal) 11 familias das e dos traballadoras/os dos aparcadoiros da Porta do Sol e Praza de Portugal que, froito dunha nefasta xestión, ou unha peor intención, están na rúa e sen visos de solución ou alternativa. Mesmo négase a mediación que lle está pedindo o cadro de persoal do Aeroclub, outras 25 familias ás que se está ignorando por parte deste goberno.
Non é tolerable que un goberno que se di progresista non mostre, na súa práctica, ningunha sensibilidade coa clase traballadora que di defender nos seus principios.

A Marea de Vigo sempre defendeu e así seguirá facendo, a remunicipalización dos servizos, mais, mentres haxa concesións públicas, é deber do goberno o exhaustivo control das mesmas, non se debe esquecer que son cartos de todas e todos para servizos para todas e todos. De non facelo, acontecen todos os abusos e problemas laborais que, en moitas ocasións invisibilizados polos grandes anuncios propagandísticos aos que nos ten acostumadas o alcalde, levan consigo grandes problemas vitais e económicos para moitas familias viguesas.

Relacionados