O Grupo Municipal da Marea de Vigo considera que o convenio asinado por Xunta, Concello de Vigo e Vitrasa efectivamente ten diferencias substanciais de interpretación (especialmente no tocante aos anexos onde figuran tarifas para viaxes sen saltos no ámbito de Vigo) polo que a solución do contencioso é unha vía lóxica. Tamén lembra que foi o Alcalde de Vigo o que pedía a formulación desta denuncia no contencioso e comprometíase a “acatar o seu resultado”.
O voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez, sinalou hoxe que o debate sobre o modelo de xestión de transporte da Área Metropolitana continúa a ter tintas esperpénticas, por unha banda o PP negando que a entrada do transporte urbano de Vigo no transporte metropolitano sexa unha realidade dende o mesmo momento no que a lei que está aprobada contén o convenio esixido entre Concello e Xunta; e doutra o Concello de Vigo non asumindo o erro de ter asinado con pouca cautela un convenio que na súa páxina 9 (anexo sobre tarifas actuais do transporte metropolitano) introduce unha interpretación moi aleatoria do que comporta o prezo do billete para as viaxes no transporte urbano de Vigo ao non especificar as responsabilidades sobre as bonificacións á custo do Concello de Vigo para as viaxes sen transbordo. Para a Marea de Vigo este convenio é insuficiente precisamente pola falla de concreción, alén do estraño feito de que unha empresa privada a que lle quedan dous anos de concesión sexa parte asinante do convenio coma si dunha institución pública se tratara.
Marea de Vigo non deixa de sorprenderse sobre os motivos polos que se asinou o convenio por parte do Concello de Vigo a través do seu Alcalde se non se tiña claro a interpretación do mesmo, no que ademais non se deixa claro cal vai ser o proceso de integración do transporte urbano de Vigo no transporte metropolitano, polo que Marea de Vigo demanda discutir sobre o modelo de transporte metropolitano, sobre as razóns polas que o modelo de lei aprobada polo Partido Popular desbota a xestión pública directa do transporte, e sobre como e cando se concretará a cesión de competencias en transporte á Área. Polo tanto, Marea de Vigo pide que se convoque, tralo pleno organizativo, un pleno extraordinario para dirimir a cuestión do transporte.
Sendo un momento e oportunidade importante para abaratar e incluso remunicipalizar servizos, a importancia da Área debería estar por enriba das siglas, posto que servizos como o do transporte, auga, ou a rsu poderían ser xestionados desde a Área, mais se a vontade, tanto do PSOE como do PP non muda, seguramente este novo intento de construción da Área Metropolitana de Vigo volva a fracasar.