MAREA DE VIGO CONSIDERA QUE O QUE VAI APROBAR O PLENO DO PARLAMENTO DE GALICIA PARA DAR SAÍDA A ALGÚNS ÁMBITOS CONTIDOS NOS PXOMS ANULADOS É “OUTRO REMENDO IMPROVISADO” QUE NON DESPEXA A INSEGURIDADE XURÍDICA.

vigo_1Rubén Pérez, voceiro do GM da Marea de Vigo, afirma que “os atallos no urbanismo son os que provocaron dúas anulacións do planeamento dende 1990 en Vigo polo que PP e PSOE deben parar xa de improvisar”

Para o voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, dende que se produciu a anulación do PXOM, hai xa máis dun ano, a paralización da reacción política tanto da Xunta de Galicia como do Concello de Vigo é patente, hai un medo a “responsabilidades económicas e mesmo xudiciais das dúas administracións” e soamente se está a buscar saídas en forma de parches como a lei para dar saída a proxectos urxentes, previa tentativa de modificar a nacente lei do solo unha vez concluído o trámite parlamentar.

Agora Concello e Xunta saen ao rescate de proxectos urbanísticos privados (quedan excluídas a maioría das casuísticas de persoas individuais atrapadas pola anulación), tendo que ser ámbitos completos urbanísticos polo que, asistimos a un intento de darlle saída a varios dos “apetecibles ámbitos” que os promotores urbanísticos colaron no anulado PXOM do 2008.

Marea de Vigo comparte o “voto negativo de En Marea” a esta improvisada tentativa de solución, mesmo denunciamos a fórmula ao ser unha medida contida dentro da lei de medidas urxentes e administrativas, a popularmente coñecida como “lei de acompañamento aos orzamentos da Xunta de Galicia”, que habilita a modificación de textos legais pola vía rápida e sen o trámite lexislativo preceptivo. De novo co acordo dos dous grupos parlamentarios do PP e o PSOE.

Mesmo o compromiso dos concellos que se apunten a esta norma (de ter rematado o seu PXOM antes de 3,5 anos) queda en papel mollado porque de non ser así preguntase Rubén Pérez “¿que pasa con ámbitos urbanísticos desenvoltos mediante esta norma?, ¿quedan de facto anulados?.”

Marea de Vigo pide non despistarse na prioridade de redacción do novo PXOM, un planeamento moderno, que sexa adaptado aos criterios da nova lei do solo en canto a reservas de solo, previsións de vivenda e argumentación lóxica do reparto de cargas urbanísticas en vez de buscar atallos para saltarse de novo os trámites ambientais e non abordar as modificacións substanciais que teñen que ser artelladas no planeamento.

O GM da Marea de Vigo insiste en que non pode sosterse nun novo PXOM o mesmo nivel de edificación, a proposta de crecemento da cidade e o número de vivendas que se precisan, algo que quedou demostrado no período de vixencia do PXOM do 2008 como “delirante e desproporcionado”, mesmo a cantidade de superficie rústica que cambia de clasificación e convertía nunha “barra libre edificatoria a cidade”.

Relacionados