O grupo municipal da Marea de Vigo opina que, tanto coma o cambio de conselleiro non ía resolver o problema, tampouco o fai o cambio na dirección da Oficina Técnica de Seguemento, posto que se trata da propia concepción do modelo sanitario, onde o Partido Popular é responsable de todas as accións feitas cara á privatización dos servizos públicos.
Rubén Pérez, voceiro da Marea de Vigo, cualifica como medida positiva a destitución dunha persoa que representa perfectamente a definición de prácticas de liquidación dos servizos públicos á vez que engórdanse as contas de empresas, en moitos casos, creadas exclusivamente para coller concesións públicas como a do Hospital Álvaro Cunqueiro, e, en moitas ocasións, realizando prácticas contra os dereitos das e dos traballadores, como a que vimos con respecto a propia limpeza de obra do hospital, onde chegouse a límites de ilegalidade co cadro de persoal xa denunciados no seu día.
Marea de Vigo considera que, por moitas xuntanzas e mostras de “boa vontade” e de intención de emenda que mostre tanto o novo conselleiro como a nova directora da OTS, é necesario algo máis que iso para reverter esta situación, que non é outra que o cambio de modelo privatizador que está levando o cabo o Partido Popular, e valora como positivo o consenso entre os acordos do pleno do Concello de Vigo, os diferentes colectivos de traballadores/as sanitarios/as e as e os usuarios/as para reclamar á Xunta un hospital 100% público , posto que é a única solución para evitar as eivas sanitarias no Álvaro Cunqueiro.