MAREA DE VIGO CONSIDERA QUE A SITUACIÓN DA CONCESIÓN DE PARQUES E XARDÍNS OBRIGA A CREACIÓN DE MECANISMOS PERMANENTES DE CONTROL DAS CONCESIONARIAS E A POSTA EN MARCHA DAS FERRAMENTAS QUE XA EXISTEN

conc1Entre os posibles mecanismos está o observatorio da contratación pública en Vigo para “fomentar a auditoría cívica” dos contratos públicos que propuxo en reiteradas ocasións, e constitución da Comisión de Vixilancia da Contratación.

O cadro de persoal e diversos colectivos veciñais, veñen, dende o inicio da concesión, denunciando tanto o estado das zonas axardinadas, como os incumprimentos en materia laboral, pero en lugar de actuar, o Goberno Municipal, mesmo actualizou prezos da concesión cunha modificación de crédito aprobada fai meses.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo pide que se convoque de xeito inmediato a a Comisión de Vixilancia da Contratación Pública como obrigatoria tras unha emenda do noso grupo municipal sobre a proposta de Regulamento, e lembra que leva anos sen convocarse, e de feito, está aínda sen constituír, polo que sería bo avanzar na creación dun organismo aberto que evite “sustos” como os que está dando o contrato de parques e xardíns.

Tamén o Grupo Municipal da Marea de Vigo considera moi interesantes, tal e como xa expresou noutras ocasións, as iniciativas que Concellos como o de Zaragoza lanzaron fai anos, como a da creación dun OBSERVATORIO DA CONTRATACIÓN PÚBLICA, que audita tanto os cumprimentos dos pregos das concesionarias de servizos públicos como a calidade e cumprimento de convenios e lexislación laboral dos contratos de traballo que formalicen.

Para Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, a operación Patos, os informes do tribunal de contas dubidando dos procedementos de adxudicación de obras do PLAN E e mesmo as recentes denuncias sobre contratación formuladas por colectivos ou mesmo grupos municipais, xa fan imprescindible dotarse de organismos transparentes que auditen a contratación no Concello de Vigo “visto que hai unha desidia interesada ou mesmo provocada polo propio Goberno Local”.

É notorio que coa negativa a reunir á Comisión de Vixilancia da Contratación, ou mesmo a negativa a creación da comisión especial de investigación que solicitou Marea de Vigo “non existe nin control nin vontade de facer un seguimento exhaustivo sobre a calidade do traballo que xeran as contratas, sobre as contratacións nas mesmas, sobre contratos menores, sobre inversións, etc….

Marea de Vigo propón a posta en funcionamento deste observatorio, onde participarían os grupos municipais, as seccións sindicais do concello, os comités de empresa das grandes concesionarias públicas e mesmo o tecido veciñal e asociacións de consumidores e usuarios, serviría para ter un organismo plural e apartidario de seguimento do grado de cumprimento dos pregos de concesión, algo practicamente inexistente na actualidade na nosa cidade e deixado ao arbitrio do concelleiro da área correspondente. Do mesmo xeito que propoñemos que se apliquen as sancións correspondentes ás concesionarias que incumpran os pregos, ó marxe das detraccións nas facturas, que é o único que fixo este goberno municipal neste caso coa concesionaria de parques e xardíns.

Relacionados