O voceiro municipal da MAREA DE VIGO participou hoxe na xuntanza informativa que a delegación da Xunta en Vigo organizou e, coincidindo coa administración autonómica en que non queda outra vía que redactar outro planeamento, MAREA discrepa en que a nova lei do solo, en trámite parlamentar, ou os contidos e formulacións do 2008 sirvan para dotar á cidade de Vigo dun PXOM acorde as políticas de integración urbana, rexeneración e rehabilitación urbana e sustentabilidade.
Marea teme que o peloteo de responsabilidades entre as dúas administración implicadas no desenvolvemento urbanístico de Vigo e o proceso electoral que ven dilate o proceso e considera que “so un novo PXOM que poida ser susceptible de aprobación despois da Avaliación Ambiental Estratéxica garante seguridade xurídica”.
MAREA DE VIGO prepara un grupo de traballo multidisciplinar con economistas, activistas ambientais, arquitectos e urbanistas especializados en patrimonio, activistas veciñais para traballar dende xa no modelo de cidade que queremos para Vigo, lonxe dos parámetros do plan aprobado no 2008 pero con fondas raíces na cultura do “pelotazo urbanístico” que desenvolveuse neste país a partir da década dos 2000. Rubén Pérez suliña que os argumentos que levaron ao alcalde Ventura Pérez Mariño e o seu concelleiro de urbanismo a “opoñerse frontalmente a este PXOM” seguen sendo perfectamente válidos: estábamos ante un PXOM que invalida un modelo de desenvolvemento urbanístico racional e orientando á sustentabilidade ambiental e a non especulación coa superficie rústica de Vigo.
MAREA DE VIGO pide traballar xa nun estudo económico financeiro, sociolóxico, de planeamento urbanístico e medioambiental riguroso que preconfigure os traballos de redacción dun PXOM acorde a realidade da cidade de Vigo, ao seu crecemento normal, e especialmente sensible coa participación e opinión da cidadanía.