Marea de Vigo colabora coa Rede de Solidariedade Popular (RSP) na súa campaña “Non ao maltrato animal”.
Dende o pasado xoves, a RSP recolleu, en diferentes puntos da cidade, alimentos, menciñas para animais como pipetas e colares, así como outros obxectos para o seu coidado como poden ser camas, xoguetes, etc…
Nesta ocasión a RSP colaborou coas protectoras “Villa Peixiños”, en Coruxo, e “Os Biosbardos” en Ponteareas, asociacións que están realizando unha importante labor ao marxe das institucións, dadas as nulas políticas animais que levan a cabo. No Concello de Vigo, non existen políticas de adopción nin mesmo de transparencia con respecto á protección animal, mantendo, ano tras ano, un convenio cunha asociación (empresa privada) sobre a que non se establece ningún tipo de control, mantendo un absoluto escurantismo incluso para as persoas que desexan visitar o lugar, tal e como xa comprobou e denunciou publicamente a Marea de Vigo.
Elisa Pérez, coordinadora da RSP, manifesta que “a solidariedade non só ten que ser para as persoas, senón para todo ser vivente”, mentres destaca o traballo das protectoras, que “fan o seu traballo diariamente, traballo que debe ser ser valorado e polo que hai que agradecer”, fronte as pretensións das institucións por instaurar políticas de xestión privada tamén para a protección animal, convertendo isto nun completo negocio. Elisa Pérez critica tamén que se poidan lexislar sancións a aquelas persoas que dan comida aos animais na rúa e mesmo as acollidas dos mesmos.
Marea de Vigo colaborou cedendo as súas instalacións e con recursos humanos, por medio do seu equipo de medio ambiente. As recollidas fixéronse o xoves e o venres da semana pasada, e distribuídas no día de hoxe e mañá. En total, na recollida, destacaron as doazóns para nais con crías e para as propias crías. En total, obtívose case unha tonelada de comida (á marxe de máis material) nos dous días nos que se estivo nos barrios de Navia e Torrecedeira.