MAREA DE VIGO ANTE AS ÚLTIMAS INVESTIGACIÓNS XUDICIAIS E A CONTRATACIÓN PÚBLICA.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo atribúe a (nova) investigación xudicial sobre dous concelleiros e persoal do Concello a unha práctica habitual de asignar postos de responsabilidade no cadro de persoal local ao gusto do Goberno de Abel Caballero.

Marea de Vigo considera que o Goberno Local ten que dar explicacións ao Pleno e pide e a convocatoria urxente da comisión especial de investigación que reiteradamente solicitou para aclarar os procesos xudiciais abertos, que forman parte do “día a día” deste Concello.

O voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez, denuncia que “os informes sobre a maior parte das inversións en contratacións, tanto en concesións de obras e servizos como en humanizacións, están feitos por persoal absolutamente descoñecido e sen a correspondencia adecuada na RPT”. Destaca que “asistimos a un rosario de recursos no Tribunal en Materia de Contratación (Parques e Xardíns, alumeado, Limpeza de colexios, ORA…) que, en moitas ocasión apuntan aos propios pregos e clasificacións de ofertas.”

O Grupo Municipal da Marea de Vigo lémbralle ao Goberno Municipal que, ao igual que a Comisión de Investigación, tamén solicitou reiteradamente a relación de postos de traballo actualizada (RPT), documentación que tiña que ter acompañado aos orzamentos e non o fai dende hai anos. A publicación desta relación permitiría saber o modo mediante o cal están ocupados certos postos de responsabilidade por parte de funcionarias/os, cuestión que, entre outras, está comezando a ser parte do día a día nos xulgados da nosa cidade.

Polo tanto, o voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez, considera que “non é ningunha sorpresa a investigación xudicial aberta contra dous concelleiros do Goberno local e mesmo responde a decisión política de Marea de Vigo de non participar en mesas de contratación onde están presentes sen ningún problema. Persoal que, sen estar perfectamente clasificado na RPT e tratándose en moitos casos de persoal con encomendas que deberían durar 6 meses (e levan mais de dez anos nalgún caso), participa activamente na redacción de pregos, valoración de propostas e clasificación de ofertas”.

Por outra banda, para o Grupo Municipal da Marea de Vigo, esta nova ida aos xulgados por parte de certas/os traballadoras/es e edís do Concello de Vigo, veñen a reafirmar, outra vez, que a causa non é outra que as dinámicas de traballo que se están levando a cabo no Concello nos últimos anos, a mesma que non controla as concesionarias públicas e a mesma que engrosa sumarios como os da Operación Patos e, seguramente a mesma que fará que sigan xurdindo novos casos con novas investigacións si non se toman medidas de inmediato. É inaceptable que a base de premios, favores e débedas, estéanse condicionando unha gran parte dos contratos públicos, xogando ademais cos cartos de todas e todos.

Relacionados