Marea de Vigo considera que o uso do estadio de Balaídos polo Celta debería garantir o retorno da inversión pública feita na súa reparación, ben a través dun novo convenio, ou ben concesionando a 50 anos.
O Grupo Municipal da Marea de Vigo lémbralle ao alcalde que si existiron propostas de construción de novo estadio, concretamente en 2003 e en 2009, propostas que incluían mesmo usos hoteleiros e que facían un novo estadio sobre os terreos do actual. De feito, as reformas actuais recollen parte da proposta arquitectónica de proxectos de novo estadio anteriores.
O voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez, considera que “a solución da concesión a 50 anos permite ao Celta aportar recursos ao Concello e amortizar nun prazo moi vantaxoso os recursos públicos que se aportan dende Concello e Deputación para a reforma do actual estadio. O retorno ás arcas públicas dunha parte da explotación dos futuros locais comerciais de acordarse esta fórmula, ten que ser innegociable, xa que falamos dunha infraestrutura pública en réxime de usufruto único por parte dunha Sociedade Anónima Deportiva.” Esta fórmula sería para A Marea de Vigo unha boa substitución da nosa proposta de que o RC Celta cedera parte do ingreso por venta de entradas e abonos para compensar a forte inversión que as administracións públicas fan para reformar unha infraestrutura que usa en réxime de monopolio.
Marea de Vigo considera que, de concretarse a fórmula da concesión administrativa, os recursos que está derivando a Deputación á reforma de Balaídos deberían orientarse á urxente reparación das instalacións e pistas de atletismo de Balaídos, en estado actual de cuase-abandono.
Do mesmo xeito, Marea de Vigo sigue pensando que un novo convenio ou o modelo de concesión administrativa con cláusulas económicas diferentes, evitaría que a evidente necesaria reparación do estadio municipal de Balaídos sexa entendida por unha parte importante da poboación como un agravio económico nun tempo de crise na que os clubs privados de fútbol moven millóns de euros procedentes de múltiples ámbitos (publicidade, representación de deportistas, dereitos televisivos, etc…).