Marea de Vigo alerta do peche xeneralizado de locais e negocios no Casco Vello Alto e pide actuacións do Consorcio do Casco Vello e o Concello para evitar o fracaso da revitalización da zona.
Rubén Pérez: “A falla dunha actuación pro-activa do Concello e o Consorcio do Casco Vello forma parte das causas polas que esta semana xa teñen pechado varios locais da zona”.
Marea de Vigo considera que finalmente os alugueres excesivos, a falla de campañas de dinamización no comercio e mesmo o pouco dinamismo de visitas na Pinacoteca Municipal están rematando co proceso de rexeneración da zona emprendido fai algún tempo.
Xa fai anos que a asociación cultural do Casco Vello Alto identificaba a necesidade de programar actividades e dotar ao barrio de vida cultural que fose parella ao proceso de rehabilitación, mesmo a idea de facer do barrio alto un barrio das artes ou da mocidade creadora quedou nun baleiro fronte ao inmobilismo das administracións. A marcha dun coñecido fotógrafo que tiña unha tenda-galería no barrio é sen dúbida un feito que ten que activar xa ao Consorcio do Casco Vello, posto que estes locais estaban promovidos e ofertados por ese ente.
En canto ao recente anuncio por parte do Goberno Municipal sobre o acceso ao barrio, “unha entrada ao barrio alto presidido por un Castelo de San Sebastián en mal estado e cunha zona de aparcadoiro e contedores desordenada non é a mellor presentación turística do barrio, sendo necesaria a reordenación do acceso dende a rúa Pracer. Un plan de reordenación que conecte a Praza do Rei coa entrada superior ao barrio é absolutamente necesario.” argumenta Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo.