MAREA DE VIGO ALERTA DO DESMANTELAMENTO PRIVATIZADOR DO INSTITUTO MUNICIPAL DE DEPORTES TRAS A SÚA INCORPORACIÓN AO AO MODELO DE XESTIÓN DIRECTO DO CONCELLO.

logowebMarga López Barreiro, concelleira da Marea de Vigo, denuncia que “o feito de que se queira xustificar a xestión privada das piscinas municipais de Travesas, Lavadores, Teis e Valadares pola vía da inversión en obras alerta dun modelo privatizador perigoso”. Marea votará en contra no pleno do luns.

O Concello pretende xustificar a inversión privada ante “a falla de recursos públicos” para acometer as obras necesarias nas piscinas cubertas de Lavadores, Teis, Travesas e Valadares e meter no mesmo lote a xestión privada indirecta dos servizos das mesmas. Son dúas cousas absolutamente diferentes e para a Marea de Vigo as obras poden ser perfectamente acometidas cun plan de inversión serio no orzamento de 2017 entendendo que o contrato actual de xestión da UTE PISCINAS DE VIGO remata en agosto de 2016.

Do mesmo xeito na proposta do Concello de Vigo inclúe a privatización dos ximnasios do Berbés e Travesas, hoxe en día explotados directamente polo IMD mediante persoal propio, o que é un factor máis que evidencia que co acordo plenario do 26 de outubro de 2015, o que se pretendía era artellar o inicio do desmantelamento público do IMD en vez de optar por unha xestión pública directa.

Marea de Vigo alerta deste paulatino proceso de desmantelamento do INSTITUTO MUNICIPAL DOS DEPORTES que se alenta argumentando a necesidade de privatizar xestión e servizos pola “minoración progresivas nos usos nas instalación deportivas nas piscinas cubertas municipais” que “demanda unha revisión da formulación do modelo de xestión”. Para Marga López “isto é a escusa que durante estas décadas empregou o neoliberalismo para xustificar as privatizacións, causando primeiro o descrédito e deficiente xestión dos servizos públicos, para logo xustificar a entrada de empresas privadas”.

O persoal do IMD leva anos alertando de que o desentendemento municipal de instalacións, especialmente nos aspectos relacionados co mantemento, a non “fidelización” de usuarios que acaban optando por opcións privadas deportivas, as trabas aos usos das instalacións de clubes de base, pon en evidencia a xestión do goberno municipal e especialmente do concelleiro de deportes.

Relacionados