Durante aqueles anos que o poeta Celso Emilio Ferreiro calificou coma “A longa noite de pedra”, nun lugar da parte exterior do muro do cemiterio de Sestás na Guarda, aparecían flores que depositaban persoas descoñecidas.
Era unha franxa de terra que destacaba entre as leiras que a rodeaban e que, coma se fose un acordo tácito dos veciños do lugar, deixara de ser labrada dende había moitos anos. Estamos a falar da Fosa Común de Sestás na Guarda. Os veciños ben sabían que contra aquela parede de pedra do camposanto, foran fusilados e enterrados 49 prisioneiros do Campo de Concentración de Camposancos, tamén coñecido como “la Puerta del Infierno”. Estes prisioneiros formaban parte dos casi 1500 que chegaron ao porto de Baiona no mes de Outubro de 1937 a bordo do barco Arrichachu despois da caida do Frente Norte de Asturias.
Hai moitas cousas que contar para non esquecer deste lugar, pero farémolo outro día.
Nos anos 80 do século pasado Xoan Noya Gil comprou esta pequena leira para poder preservar a súa memoria e xunto con Manuel Taxota (ambos represaliados e vítimas directas) impulsaron unha Comisión Cidadá para a realización dun monumento inaugurado o 15 de Agosto de 1986. Esta fosa, xunto co monumento, queda hoxe en día dentro do recinto cemiterio por unha ampliación posterior.
![](https://esquerdaunidavigo.org/wp-content/uploads/2024/09/photo_2024-09-19_19-31-34-1024x768.jpg)
O monumento consta de tres lousas de mármore onde están gravados os nomes dos corenta e nove fusilados, o lugar de nacemento e a idade que tiñan cando foron executados. E alí, arroupados pola bandeira republicana que foi pola que loitaron e morreron xuntos, cada outubro desde 1987 os seus descendentes e familiares, o Sindicato de Pensionista e Xubilados de CCOO, a Fundación Asturiana Juan Manuel Zapico, A asociación de memoria do Campo de Concentración de Camposancos e a Fosa de Sestás, xunto con veciños e militantes doutros partidos lle rendimos homenaxe e nos prometemos a nos memas que non pararemos de esixir VERDADE, XUSTIZA e REPARACION.