Vigo, 4 de novembro de 2025
Esquerda Unida de Vigo celebra a solicitude formulada dende o Grupo Plurinacional Sumar ao Goberno de España para a incoación de oficio do expediente para declarar o Aeroporto de Vigo-Peinador como Lugar de Memoria Democrática, ao abeiro da Lei 20/2022.
Esta petición xorde tralas preguntas rexistradas no Congreso dos Deputados polo deputado de IU no Grupo Plurinacional SUMAR, Nahuel González López.
A formación local argumenta que Peinador é un “testemuño material da represión franquista” debido á súa orixe ligada ao traballo forzoso e gratuíto imposto aos varóns de Vigo, Lavadores e Mos. En 1936, por edicto, ordenouse a prestación persoal obrigatoria de dous días ao mes para as obras de explanación do aeródromo, labor que só se podía substituír por seis pesetas por xornada. O aeroporto non sería inaugurado ata 1954.
Guillermo Crego, coordinador local de EU Vigo, subliña a necesidade de recoñecemento: “Peinador é un testemuño material da represión franquista. Sinalizar e explicar a súa orixe é un deber democrático de Vigo e das institucións”.
Peticións concretas de EU Vigo
Para facer efectiva a recuperación e dignificación deste espazo, EU Vigo esixe catro puntos clave:
- Incoación inmediata do expediente por parte da Dirección Xeral de Memoria Democrática.
- Coordinación interinstitucional con AENA, a Xunta de Galicia, o Concello de Vigo e o de Mos.
- Instalación de sinalización interpretativa no aeroporto e creación dun roteiro de memoria cun espazo de homenaxe.
- Establecemento dun programa educativo anual e a celebración dun acto de lembranza cada 17 de setembro, en conmemoración daquelas datas.
A iniciativa busca non só recoñecer o pasado, senón tamén garantir a súa didáctica e a homenaxe ás persoas que sufriron o traballo escravo baixo o réxime franquista.
Ademáis, EU de Vigo lembra que o Goberno Municipal aínda amosa eivas no cumprimento da Ley de Memoria Democrática estatal, conservando espazos e monumentos sen sinalar, como a ominosa Cruz dos Caídos do Monte do Castro.
Ligazóns a publicacións na prensa:




