Esquerda Unida Vigo denuncia o abandono institucional do movemento LGTBIQA+ e chama a encher as rúas polo Orgullo Crítico fronte á inacción do Concello
A organización alerta de que a desaparición da Festa DiversXs é o resultado directo da asfixia burocrática e económica exercida polo Goberno Municipal.
EU Vigo convoca a cidadanía este sábado 27 de xuño, ás 20.00 horas (saída da praza de Fernando o Católico), para esixir dereitos fronte aos retrocesos.
Esquerda Unida de Vigo fai un chamamento á cidadanía para tomar as rúas este sábado, 27 de xuño, na manifestación do Orgullo Crítico. Nun contexto onde os discursos de odio tentan gañar terreo e ameazan a integridade das persoas LGTBIQA+, EU Vigo subliña que a mobilización non é unha opción, senón unha necesidade imperativa para salvagardar décadas de loitas sociais e conquistas democráticas.
A formación política sinala como punto de inflexión a suspensión da Festa DiversXs, un espazo de referencia para a comunidade viguesa que, este ano, se viu obrigado a botar o peche. Para EU Vigo, este feito non é casual, senón o síntoma máis evidente dun goberno local que vive de espaldas á realidade dos colectivos e que utiliza unha fachada de “cidade aberta” mentres priva de recursos mínimos ao tecido asociativo que realmente sostén a diversidade na rúa.
“O Concello non pode presumir de cidade aberta mentres deixa que colectivos como ‘Nós Mesmas’ teñan que escoller entre manter servizos vitais de apoio psicolóxico, social e xurídico ou asumir uns custos, permisos e seguros imposibles para unha festa reivindicativa. É unha irresponsabilidade política que obriga ao activismo a sobrevivir na precariedade”, denunciou o coordinador local de Esquerda Unida, Guillermo Crego.
Unha alternativa real: dereitos, non só palabras
Esquerda Unida de Vigo esixe o fin do “escaparatismo” político e pon sobre a mesa unha serie de demandas innegociables para garantir a dignidade da comunidade LGTBIQA+ en Vigo, coma a dotación de fondos municipais dedicados especificamente ao Orgullo Crítico e á sustentabilidade das entidades LGTBIQA+. Ademais, sinala a necesidade dun acompañamento técnico real, xestión áxil de permisos e cesión garantida de infraestruturas públicas, eliminando as barreiras burocráticas que afogan os movementos sociais.
Dende a organización demandan o desenvolvemento dunha política pública anual, integral e dotada de recursos para erradicar a discriminación e a violencia LGTBIfóbica na cidade.
“Este 27 de xuño Vigo ten a oportunidade de recuperar a súa dignidade na rúa. A forza da xente é o que mantén vivo o Orgullo pese a quen pese. Chamamos á veciñanza a rebelarse contra a indiferencia e a defender, con máis forza que nunca, unha cidade que sexa realmente libre, feminista e diversa”, demanda Crego.



