Teresa Marchante: “A xente está saíndo á rúa porque acceder a unha vivenda digna é cada vez máis difícil. O Concello non pode seguir mirando para outro lado”.
Vigo, 13 de outubro de 2026. — A concentración celebrada en Vigo o pasado luns 12 de outubro e a acampada iniciada posteriormente súmanse ás mobilizacións e reivindicacións das últimas semanas para reclamar o dereito á vivenda. Para Esquerda Unida Vigo, estas accións reflicten a preocupación crecente dunha veciñanza que ve cada vez máis difícil acceder a unha vivenda digna, mentres a mocidade non consegue emanciparse e moitas familias teñen dificultades para permanecer nos seus barrios.
En A Coruña e en Compostela xa lle plantaron cara á especulación declarándose zonas tensionadas. Deron o paso, aplican medidas para conter os prezos e, ademais, están vinculados a 5 millóns de euros de fondos estatais para impulsar vivenda a prezos accesibles.O Concello leva case 1000 días coa solicitude metida nun caixón. Unha parálise inadmisible mentres o prezo do metro cadrado se dispara e a oferta de vivendas para vivir cae a mínimos históricos.
Vivir en Vigo ten que ser un dereito, non un negocio exclusivo para uns poucos.
Teresa Marchante considera que esta situación evidencia a necesidade de pasar das declaracións aos feitos: “Non podemos normalizar que vivir en Vigo se converta nun luxo. A mocidade que quere emanciparse, as familias traballadoras e as persoas con ingresos modestos están atopando cada vez máis dificultades para acceder a unha vivenda. O Concello ten ferramentas ao seu alcance e debe utilizalas”.
Para Esquerda Unida, a declaración de zona tensionada debe formar parte dunha estratexia máis ampla, que combine medidas para conter os prezos co reforzo da oferta pública e do alugueiro accesible. A formación defende a creación dun parque público municipal de vivenda en alugueiro, a mobilización das vivendas baleiras, a ampliación dos alugueiros a prezos accesibles e medidas para frear a perda de vivenda residencial nas zonas máis afectadas pola presión turística.
“Queremos un Vigo no que vivir non sexa un privilexio. Unha cidade na que a xente nova poida emanciparse, as familias non teñan que destinar unha parte inasumible dos seus ingresos ao alugueiro e ninguén se vexa expulsado do barrio no que construíu a súa vida. A vivenda é un dereito e as administracións teñen a responsabilidade de facelo efectivo”, conclúe Marchante.
Esquerda Unida Vigo defende unha cidade para quen a vive: vivenda pública, alugueiros accesibles e barrios para a veciñanza. Onde ninguén quede atrás


