Esquerda Unida Vigo esixe a apertura inmediata da rúa Pintor Lugrís

Vigo a 27 de abril do 2026

Esquerda Unida Vigo demanda a apertura inmediata da rúa Pintor Lugrís, facéndose eco do malestar da veciñanza pola situación actual dunha rúa que, malia estar coas obras rematadas sobre o terreo, continúa pechada ao tránsito.

A formación sinala que esta situación obriga a cidadáns e cidadás a realizar percorridos alternativos de máis dun quilómetro para poder acceder a vías e puntos clave da contorna como Álvaro Cunqueiro, Regueiro, Zaragoza, Gran Vía, entre outras, co conseguinte prexuízo para a mobilidade diaria.

Segundo as últimas declaracións do alcalde, a posta en funcionamento das rampas mecánicas está prevista para mediados do mes de maio, o que, ao entender de Esquerda Unida, está a converter esta rúa nunha infraestrutura infrautilizada de maneira innecesaria mentres permanece pechada sen xustificación técnica aparente.

Desde Esquerda Unida Vigo considérase que esta cuestión non vai de inauguracións, senón de garantir o mellor servizo público posible á cidadanía. A organización subliña que, como se pode comprobar in situ, a intervención está finalizada, polo que nada impide a apertura inmediata ao uso público.

Ademais, lémbrase que nesta rúa ou nas súas proximidades se atopan varios centros oficiais que reciben centos de persoas a diario, como a comisaría de policía, a oficina de emprego ou a sede do Instituto Nacional de la Seguridad Social (INSS), polo que o peche supón un obstáculo engadido para moitas persoas usuarias destes servizos, especialmente para aquelas con dificultades de mobilidade.Esquerda Unida Vigo solicita ao Concello que proceda á apertura inmediata da rúa Pintor Lugrís, poñendo por diante o interese xeral e a funcionalidade da cidade fronte a calquera outro criterio alleo ás necesidades reais da veciñanza.

Relacionados