ESQUERDA UNIDA VIGO DEMANDA UNHA VERDADEIRA REDE BIBLIOTECAS

Para a agrupación local de Esquerda Unida en Vigo, a cidade máis poboada de Galicia conta cun número de bibliotecas municipais claramente insuficientes. Baséanse para afirmalo no recente informe sobre “O gasto en Cultura na administración local en Galicia”.

Láianse que a nosa cidade teña unha única biblioteca municipal, a “Xosé Neira Vilas”, xestionada por unha empresa privada por contrato de servizos no popular barrio do Calvario. A outra biblioteca pública de referencia na cidade, é a Juan Compañel, pertence á Xunta, iso si, nun edificio cedido polo Concello. Esta é a triste realidade que supón só 0,7 bibliotecas públicas por cada 100.000 habitantes.

O seu coordinador local Guillermo Crego declara: “Incluso sumando en Vigo as bibliotecas de titularidade doutros organismos (Xunta, fundacións, universidade) o indicador non supera as tres bibliotecas cada 100,000 habitantes, moi por debaixo da media estatal que está o arredor das doce.

Dende Esquerda Unida de Vigo aseguran que, un dos obxectivos do seu programa electoral é a creación unha ampla rede de bibliotecas municipais. Ao respecto disto Crego afirma: “Non é unicamente ter que cumprir cunha mera cuestión estadística, significa garantir o dereito ao acceso á cultura, fomentar a lectura, apoiar a formación permanente e fortalecer a cohesión social na cidade”

Sen unha rede de proximidade moitos barrios fican sen acceso doado a espazos de lectura, estudo e encontro, porque hoxe, unha biblioteca non é só unha sala de lectura, nin tampouco un lugar onde se prestan libros, hoxe en día, as bibliotecas son equipamentos e servizos socio-culturais integrais e integrados de primeiro orde indispensables para o desenvolvemento dun barrio.

O concello non pode vender como bibliotecas, meras salas de lecturas, sen libros nin servizos bibliotecarios, a cargo de conserxes dunha empresa privada (como a do auditorio Mar de Vigo e a de Navia), tampouco as de carácter especializado e con servizos mínimos (como a Penzol, a do Marco o a de Emao), nin as universitarias que non poden cumprir o servizo público dunha biblioteca contemporánea.

A “REDE” DE BIBLIOTECAS MUNICIPAIS ACTUAL É UNHA MENTIRA

É tempo de que o Concello de Vigo planifique novas bibliotecas nos barrios e que aumente recursos para horarios, fondos, e servizos dixitais.

Guillermo Crego indica: “Vigo merece unha oferta bibliotecaria á altura da súa poboación, do seu tempo e de seu dinamismo cultural”

Relacionados