EU SOLICITA QUE TODOS OS CENTROS ESCOLARES DISPOÑAN DUNHA UNIDADE DIDÁCTICA SOBRE O 10 DE MARZO, PARA QUE DENDE AS ESCOLAS SE DIFUNDA A MEMORIA DEMOCRÁTICA
ESQUERDA UNIDA PROPÓN QUE OS CONCELLOS NOMEEN UNHA RÚA OU PRAZA CA DATA DO 10 DE MARZO EN LEMBRANZA DA LOITA HEROICA E PACÍFICA DA CLASE TRABALLADORA GALEGA
Hoxe, 10 de Marzo, celebramos o Día da Clase Obreira Galega, data na que o noso país celebra e reivindica a loita heroica dos traballadores galegos que desafiaron a represión da ditadura franquista para reclamar de maneira pacífica os seus dereitos como traballadores e asemade deron un pulo formidable á loita polas liberdades democráticas.
A arxila creadora das loitas do 10 de Marzo esixe dos poderes públicos democráticos que se coide e difunda a memoria democrática das loitas obreiras e antifranquistas, que están na base da conquista das liberdades democráticas actuais. Xa que logo, Esquerda unida ven de presentar en distintos concellos galegos como A Coruña, Compostela, Neda, O Grove, Ponteareas ou Porriño mocións para reivindicar unha data tan sinalada, as mocións solicitan que os plenos dos distintos concellos acaden os seguintes acordos:
– Que o Concello nomee unha rúa ou praza do termo municipal ca data do “10 de Marzo” en lembranza da loita pacífica e heroica da clase traballadora galega que desafiou a represión da ditadura franquista.
– Que o Concello distribúa a todos os centros escolares do termo municipal unha unidade didáctica sobre o 10 de Marzo, para que dende as escolas se difunda a memoria democrática das loitas obreiras e antifranquistas, que están na base da conquista das liberdades democráticas actuais.
A data do 10 de Marzo de 1972 ten unha significación sobranceira para a construción dunha alternativa democrática e transformadora ao noso país, porque supuxo sen ningún xénero de dúbidas unha masiva deslexitimación social da ditadura. Dende o ámbito económico da produción, a clase traballadora acadou unha grande onda expansiva de simpatía e solidariedade de amplos sectores sociais e populares, que leron na espiral de violencia e represión da ditadura a súa radical incapacidade para manter un réxime de iniquidade.
A ditadura amosou a súa faciana, a da violencia que a fundou e que espallou de cotío en todos os eidos da vida social, e ela cobrouse a vida de Daniel Niebla e Amador Rey, obreiros que manifestaban na rúa as súas reclamacións pola mellora das súas condicións de traballo e polos seus dereitos. Xunto con eles houbo máis de corenta feridos de bala e numerosos detidos, entre os que se contan dirixentes obreiros como Rafael Pillado, Riobó ou Amor Deus. Cando se volveron a abrir as portas de Bazán, o 21 de marzo, faltaban 160 compañeiros e sobraba a presenza da infausta Policía Armada do franquismo coa militarización da factoría.
O día 10 de Marzo naceu en Ferrol mais prendeu en todo o país e alén del, porque o exemplo da carraxe amosada polos traballadores ao desenvolver unha loita firme e cívica, pacífica e comprometida, acadou unha resonancia extraordinaria, un ecoar que encheu de fendas insalvables a forza, sen razón, da ditadura.
A loita desenvolvida nas rúas de Ferrol prendeu polo país e unha vaga de solidariedade estendeuse pola comarca de Ferrolterra: houbo paros de solidariedade noutras factorías e a poboación amosou o seu apoio aos represaliados. Das cinzas da loita desenvolvida en Ferrol agromou o movemento de loita e reivindicación de setembro na cidade de Vigo.
Gabinete de Prensa Secretaría de Comunicación Executiva Nacional de Esquerda Unida